martes 04/08/20

Fodechinchos

Hai anos, un colega das illas Canarias, de visita na nosa casa, contounos que eles lles chamaban godos aos españois. Godo é aquel que chega ao arquipélago mantendo as actitudes dos que, outrora, ocuparon as illas e case exterminaron os guanches. Puro colonialismo.

En Galiza, temos outra palabra, fodechinchos. Este neoloxismo noso que non está recollido no dicionario da Real Academia, foi creado entre o pobo, nas Rías Baixas?, por medio do recurso da composición, unindo dúas palabras ben sonoras e que retratan perfectamente unha actitude. A diferenza do exemplo inicial, a forma galega, non estigmatiza lugares ou procedencias, mais caricaturiza e critica comportamentos. O do turismo colonial que viaxa ás provincias agardando un trato servil que evidencie a súa superioridade, coma se saísen ao patio traseiro e alí puidesen facer o que quixeren. Son os mesmos turistas que atravesan os aeroportos do mundo berrando porque non lles falan en español.

Fodechinchos é a vinganza lingüística do pobo aldraxado durante séculos desde España e que segue a ser o albo dunha caracterización que só demostra descoñecemento e incapacidade de análise.

Mais non quero enganarme. Atrévome a dicir que hai coterráneos que fomentan esas actitudes ofrecendo unha imaxe folclórica, no sentido despectivo, ao tempo que tentan aproveitarse e espremer os visitantes. Son os mesmos que maltratan a clientela da terra, cegados pola cobiza dos ingresos turísticos de xullo e agosto.

En todo caso, a realidade da Covid-19 dálle novo uso á palabra que xorde cada vez que lemos que un grupo de viaxeiros chegou a Galiza para enfermar aquí, ou vemos ingleses ou holandeses sen máscara campando ás súas anchas. Pura insolidariedade.

Benvidos sexan os que nos visitan para nos coñecer, como algúns viaxamos, admirando o patrimonio, mesturándonos nas festas, xantando cos traballadores e traballadoras, falando coa xente na rúa para saber máis da súa historia ou dos seus problemas. Turismo socialmente sostíbel.

comentarios