Opinión

Fariseísmo

Rosalía de Castro ficou para sempre sentada fronte á catedral, á “catedral severa” como ela escribiu. Coa cabeza pousada na man, semella estar a facer un exercicio de paciencia fronte a unha Igrexa que nunca a comprendeu, nin aceptou e que, pasado o tempo, segue sen escoitar o pobo ao que di querer acoller e guiar, o pobo ao que ela deu voz nos seus poemas. Unha Igrexa que se mantén allea ao seu contexto histórico-social e insiste en que se respecte a natureza eclesiástica do lugar en que foron enterrados algúns dos máis destacados persoeiros da nosa cultura e nos limita o acceso a os honrar, cando son para nós algúns dos nosos seres máis queridos.

No ano 2010, a sociedade galega convocada pola AELG e outras 160 entidades reivindicou a apertura ao público do Panteón, mentres rememorabamos o traslado dos restos de Rosalía de Castro case 120 anos antes. Naquelas datas o conselleiro de Cultura negociaba co arcebispo de Santiago o acceso ao lugar, unha negociación en que a cambio de que a Xunta puidese utilizar aquelas instalacións o 0,27% dos días do ano, a Igrexa conseguía que o mantemento do espazo fose por conta das arcas públicas. Quen saíu gañando con aquel convenio? O edificio, que volvera á Igrexa pola intervención de Franco, podía ser mantido con diñeiro que achegabamos os cidadáns aos que, porén, non se nos permitía a libre entrada. Fariseísmo.

É difícil entender que hoxe, e con toda a historia ás costas, haxa que solicitar permiso á Igrexa para honrar a quen alí está enterrada. Eu só podo entendelo como o fariseísmo de quen fai valer os seus dereitos de propiedade establecidos polo Supremo, sobre o dereito de honrar a quen foi enterrado nese lugar, cando non estaba en mans da Igrexa.
A unha éntranlle ganas de propor que se trasladen os restos dos nosos mortos a outro espazo en que non sexamos reféns de decisións alleas, mais iso sería renunciar ao legado de quen, desde a emigración, puxo en pé os nosos símbolos e pulou por eles, mesmo economicamente.

Comentarios