Opinión

Falsos debates

Non sei se será outra das consecuencias da pandemia, para distraernos da situación real de perda de empregos e empobrecemento xeneralizado da clase traballadora. Ou se é unha manobra de propaganda para ocupar portadas e espazo nos medios de comunicación.

Cando non todos temos unha semana laboral de 37 horas e media, nin hai avances significativos cara ás 35 horas laborais; nunha realidade en que moitas persoas traballan máis horas das que figuran no seu contrato, horas que non sempre son retribuídas ou que, cando si o son, non nas cantidades que deberían, como recibimos un debate coma este que dá un salto acrobático e, obviando todo o anterior, propón unha semana laboral de catro días e oito horas diarias?

Non parece críbel. Tendo en conta o contexto, semella outro capítulo da política espectáculo que ten o seu paralelismo nos realitys televisivos. Moito ruído e poucas noces.
Non estou en contra. Eu tamén sei que a redución da xornada de traballo non diminúe o rendemento. Ao contrario, efectiviza o tempo de traballo. Mais estamos nese punto? As e os traballadores están no punto de reivindicar semanas de catro días ou están pensando como poden reducir a perda de poder adquisitivo que veñen soportando?

A miña percepción é que se parte do descoñecemento da realidade, ou de non querer enzoufarse na lama e enfrontarse ao capital. Por iso considero que se trata dun debate falso.

O que cómpre é que funcionen as inspeccións de traballo e obrigar as empresas a regularizar as xornadas laborais dos traballadores e traballadoras, en beneficio do seu salarios e das súas futuras pensións. Medida esta que, ademais de beneficiar as persoas que se ven obrigadas a estar nesas condicións, podería producir o incremento de persoas contratadas, cando se esixa o cumprimento das xornadas establecidas por convenio.

Antes de quedar ben dando falsos debates, fagan o seu traballo, desenmascararen a economía somerxida e propoñan avances reais contando con todas as organizacións sindicais. 

Comentarios