Opinión

Extraordinariamente normal

En canto saín da casa freei e collín o móbil. Precisaba tirar unha foto, aínda que tivese mala calidade, pois corría o risco de que non me cresen. Xusto no pincho do tellado unha pata (voan máis cós patos, que ía ser?) miraba cara ao leste, coa mesma normalidade que se estivese á beira dunha pucharca. Unha ave doméstica revirábase contra os designios fixados para a súa especie e condición e reclamaba a liberdade de acción propia das súas antergas, normalizando o extraordinario: voar ao seu libre albedrío.

Non é a primeira vez que na miña casa sucede algo así de extraordinario. O eido que a rodea é lugar de paso e descanso de numerosas aves: merlos, ferreiriños, un cuco curioso que asexaba desde o valado, a lavandeira que se lanzaba contra a ventá querendo capturar os insectos invisíbeis que deixara a chuvia ou os paporrubios que até se meten na cociña e cantan de preto chamando a nosa atención para que abramos moito máis as ventás.

Extraordinario foi tamén que un enxame de abellas pararan a descansar na xamba do portal. Foi todo un acontecemento. Pasamos o que quedou do día asexando, fotografando e agardando a que a caixa nova do apicultor fose atraente para a raíña.

E máis extraordinario aínda foi descubrir que un rabirrubio tizón aniñara dentro do garaxe, enriba do motor que accionaba o portal de entrada á casa.

Extraordinario. Ou normal? En que momento o que era normal deveu extraordinario? Talvez cando nos decatamos que vivimos nun tempo e un espazo cada vez máis urbanizado?

Hoxe comezo eu tamén facer algo extraordinario. Esta é a miña primeira columna de opinión neste xornal NÒSo tan desexado. Entre todos comezamos facer normal o extraordinario e, por iso, a nos reencontrar con nós mesmos e coa nosa historia, a dun pobo orgulloso de si que lle fala ao mundo. E como hai cen anos confiados e ledos porque “...imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por seren o Tempo e o Mundo os que o piden...” (“Primeiras verbas”, Nós, 1920)

Comentarios