Opinión

Exemplos

Na miña opinión, nada hai máis importante cós exemplos. O exemplo que nos dá, poñamos por caso, unha persoa que coas súas accións demostra día si e día tamén o seu compromiso con aquilo que cre, con aquilo que di e, por suposto, co seu espazo e o seu tempo. A importancia dos exemplos é transversal, afecta á totalidade dos principios e obxectivos que na vida elaboramos e perseguimos. Un dos ámbitos en que son esenciais é no da normalización do noso idioma.

É evidente que seguimos precisando exemplos e modelos lingüísticos que animen o conxunto da sociedade a superar os prexuízos e restituír ou comezar usar o idioma galego. De feito, aplaudimos felices cando, poñamos por caso, unha persoa referente no mundo do deporte, que atrae as miradas de miles de persoas, se expresa en galego habitualmente. E valoramos a repercusión positiva que ten para o idioma a súa actitude. Poñémola de exemplo.

Mais, que sucede cando aqueles que temos como exemplos naturais de normalización deixan de usar a lingua de noso ao acadaren un novo espazo? Que sucede cando un escritor ou escritora recoñecido, unha persoa que é demandada para os clubs de lectura e lida polos adolescentes grazas ás listaxes recomendadas, ao chegar ás columnas de opinión dun xornal deixa atrás a nosa lingua?

É a súa decisión, claro que o é. Mais que significa que unha persoa así non se exprese en galego? Que mensaxe se transmite implicitamente?

Entendo que quen así obra, non está preocupado polo nivel de uso do galego, nin se alarma ao ver as cifras que nos devolve o IGE cada cinco anos. Porque se realmente se preocupa e se alarma, daquela deberá dar marcha atrás e recoller a lingua para restituíla a un espazo que lle pertence porque si, porque é útil, porque é posíbel e é nosa. Porque é imprescindíbel para garantir a súa existencia e canda ela a nosa, a dos que nos chamamos escritoras ou escritores en lingua galega e desexamos, por amor, coherencia, ego ou até razóns económicas, termos lectoras e lectores.

Comentarios