Opinión

Evas

Chámase Eva e no ano 2018 recibiu dous disparos do seu ex marido.

Cando recupero o relato daquela nova comprobo todos os lugares comúns. A imaxe da parella que non evidenciaba a existencia dunha situación de maltrato. O aumento progresivo da violencia que el exercía sobre ela, até o uso dunha arma de fogo cando presentou denuncia contra el. Tiña unha orde de afastamento que incumpriu no momento do presunto intento de homicidio. Tiña unha orde de afastamento que, como noutros casos, non foi impedimento para tentar tirarlle a vida.

Pasaron tres anos e medio. Por iso Eva dá a cara e reclama que se celebre un xuízo que poida rematar coa súa situación de desamparo.

En 2020, sarcasticamente coincidindo coa véspera do 25 de novembro, notificáronlle que o seu ex marido ía ser posto en liberdade, poñendo termo á prisión preventiva, pois a Audiencia de Pontevedra consideraba que non había risco de fuga.

Esta mesma semana volvía dar a cara diante da TVG cunha mensaxe clara: "Necesito vivir". Di que xa non pode máis, a persoa que tentou matala unha vez goza da mesma liberdade ca ela, pois rematada a prisión preventiva e sen celebrarse o xuízo, o presunto intento de asasinato da que fora a súa muller obrígao, coma a ela, a levar un dispositivo de localización e a que non se poida achegar á provincia en que ela reside. Mentres tanto ela vive atemorizada coa posibilidade de que volva incumprir a orde de afastamento, como sucedeu en 2018.

Degrazadamente a situación de Eva non é unha excepción. De feito, nos estudos que analizan a situación da violencia de xénero, como o publicado pola Deputación da Coruña (Diagnose Proxecto Compartimos Plan 2017-2018) podemos comprobar que as ordes de protección e afastamento nin sempre se ditaron nin sempre foron efectivas para impedir os feminicidios.

Mais, con Eva, coas Evas que están vivas e denuncian, aínda estamos a tempo, se hai compromisos efectivos contra a violencia de xénero, como axilizar os xuízos e a execución das condenas.

Comentarios