Opinión

Estradas

Unha das cousas que máis estraño do tempo en que vivín no Milladoiro é que podía ir traballar en autobús. Un cuarto de século despois sigo botando en falta esa posibilidade. A 20 Km de Vigo ter vehículo propio fáiseme imprescindíbel para ir traballar, ir ao médico, ao hospital, á Delegación da Xunta, etc. Se quixese facer eses percorridos en autobús precisaría dun tempo que non teño, pola inexistencia ou escaseza de frecuencias, os longos percorridos, a ausencia de transvases… Nalgunha ocasión, aproveitando que o meu destino non estaba lonxe da parada do autobús, viaxei no transporte público, mais acabei pagando cinco euros (hai anos) e pasando dúas horas no traxecto de ida e volta. Unha tarifa e unha duración inasumíbeis, que acaban por facer rendíbel o contaminante desprazamento en coche propio.

Esta é a realidade de miles de galegas e galegos que logo lemos estupefactos que vivimos nun lugar 10 porque estamos a 10 minutos da universidade, do hospital, da praia... En fin, señor alcalde, o dos 10 minutos será se temos coche propio e nos saltamos os límites de velocidade. E se a estrada o permite, porque esa é outra.

Cabería pensar que, nun país en que dependemos do transporte por estrada, non imos falar agora da situación do ferrocarril, as vías de comunicación están a proba de circulación. Con chuvia ou sen ela. Mais a realidade estoupounos nos fociños este Nadal. De nada valeron as numerosas queixas dos automobilistas que por alí circulan e mesmo tiveron sinistros que viñan advertindo da situación da vía: problemas no firme, na pintura, de visibilidade, etc. Non foi até que se produciu un aparatoso accidente con numerosas vítimas que todas as miradas se volveron para a situación da calzada. Un caso excepcional? Pois non, unha realidade de cada día, que afecta ao conxunto do territorio e a estradas de moi diverso tipo. Calquera de nós pode sentirse perdido circulando unha noite de chuvia, cando non temos nin pintura reflectante que nos marque o camiño.

Comentarios