Opinión

Espartaco

Vai para 70 anos que Howard Fast comezaba a novela da que nacería o guión de Espartaco, unha película histórica, tamén polo que significou nunha época especialmente escura.

Este xoves faleceu o home que a fixo posíbel, Issur Danielovitch, un xudeu de pais bielorrusos que adoptou o nome de Kirk Douglas, con el puido traballar no Hollywood de 1945 en que se escoitaban proclamas contra xudeus e contra rusos por seren traidores da nación. Curioso que o mesmo estado que nos vendeu tantas películas en que salvaba Europa, até o punto de borrar das páxinas principais da historia o papel da Unións Soviética, perseguise os mesmos que dicía ter liberado. Pura hipocrisía. Como diría o guionista de Espartaco, Dalton Trumbo, ante a Comité de actividades anti-estadounidenses en 1947, "Este é o comezo en Estados Unidos dun campo de concentración para guionistas".

Hai 70 anos, Howard Fast e Dalton Trumbo cumprían condena no cárcere. Trumbo acusado de pertencer ao partido comunista e Fast de ter colaborado ese mesmo ano co español Comité de Axuda a Refuxiados Antifascistas. Eles e outros oito, “Os dez de Hollywood”, foron perseguidos, o seu nome borrado dos créditos e o seu traballo usurpado por outros a cambio de moi poucos dólares.

Mais Danielovitch-Douglas, que di del mesmo que non era “un activista político”, decidiu que nos créditos de Espartaco figurase o nome do guionista que o escribira, por iso esta película foi considerada unha das que iniciou a eliminación das listas negras daquela caza de bruxas.

Aínda así, a Universal recortou non só escenas sexuais e violentas, senón outras coa intención de minimizar a mensaxe de Espartaco: “toda indicación de que puidera ter encabezado unha revolución victoriosa quedou suprimida”.

En 2012, Douglas, aos 97 anos, deixaba constancia de todo isto nas súas memorias, Yo soy Espartaco (Capitán Swing) e escribía na introdución: "Hoxe en día aínda hai quen segue tratando de xustificar as listas negras. Din que eran necesarias... Menten."

Comentarios