Opinión

Españolización

Toca facer a memoria do curso. Nela temos que sinalar os aspectos negativos aos que nos tivemos que enfrontar. No meu caso, un dos máis preocupantes é o incremento da españoliación da mocidade. Unha amplísima maioría do alumnado que chega ao instituto, con doce anos, é castelanfalante. Non só isto. Algúns deles manteñen os vellos prexuízos e opóñense activa e conscientemente a falar en galego. Son un reflexo da sociedade.

E é que pertencemos á comarca que, tristemente, os datos do IGE de setembro de 2019 sinalou como máis desgaleguizada. Vigo.

Mentres constato os feitos nun papel, sinto soidade. A soidade do profesorado de lingua galega. Porque, como tamén recollo na memoria, a actual lexislación educativa, e o Decreto 79/2010 en particular, fan que o traballo de valorización da lingua e da cultura galegas recaia practicamente en exclusiva no departamento de lingua galega, o que resulta claramente negativo e contraditorio coa mensaxe de que o galego é útil coa que tentamos motivar constantemente o noso alumnado. É certo que hai materias de obrigada impartición en galego como Bioloxía e Xeografía e Historia en que atopamos profesorado implicado no labor de normalización. É certo que hai profes de Tecnoloxía, Física e Química ou Mates que dan as súas aulas en galego de maneira consciente e combativa. Mais non é suficiente. 

O que necesita o noso idioma é que TODO o profesorado lles transmita o uso exemplar da lingua, pois só así poderemos comezar a facer forza para contrarrestar a ciclópea presión social do español e poñer en cuestión a quen segue ostentando un nocivo comportamento diglósico, desde o Presidente que lle fala en español aos cativiños de infantil, ao vicepresidente que comparece tras un accidente no Monte do Gozo falando en español para os medios. Pasando pola ministra galega que non di unha palabra na nosa lingua nos nosos medios ou a prohibición de que os nosos representantes falen como nós falamos nun lugar que din que nos representa.

Comentarios