Opinión

Escritoras

Esta semana a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, facía público o Informe de resultados do Libro Branco de Escritoras-es en que comezou traballar en 2020. A precariedade, un colectivo masculinizado e de elevada idade media, a demanda de apoio da televisión, foron as conclusións que acadaron maior proxección entre a prensa que se fixo eco da nova. Por suposto, a información non foi publicada en todos ou na maioría dos medios de difusión escrita. Tampouco non saíu no telexornal. Dúas comprobacións que sintonizan xustamente co que se recolle no informe: “en moi poucos casos se percibe un labor positivo de promocións e difusión”.

A moitas de nós non nos sorprenden os resultados en absoluto. Máis ben son a ratificación do que xa intuïamos e, por veces, até nos parabamos a comprobar, calculadora en man, nos informes do publicado en anos anteriores. Eu mesma teño reflexionado sobre isto moitas veces, en especial sobre o papel secundario que as escritoras seguimos tendo nos diferentes xéneros, algo que se corrobora neste Informe, e que para confirmación de descridos, non direi negacionistas, pode contrastarse coas cifras publicadas nos tres últimos Informes de literatura (www.cirp.gal) dos anos 2015, 16 e 17. Se sumamos os libros publicados neses tres anos veremos que os de autoría feminina non acadan o 35% do total, a penas son un terzo.

Mais non agardaba seguir atopando nesta década do XXI a referencia á nosa intermitencia. Nun dos cadros do informe di: “As escritoras declaran en maior proporción unha dedicación esporádica”. Lembroume ao que eu escribín hai máis de vinte anos ao falar da nosa incorporación tardía á publicación: “a muller segue a ser un ser alienado que mantén unha dobre xornada laboral, e que, en determinadas épocas da súa vida, perde toda individualidade”. Nin cuarto propio, nin tempo propio. Un lento e penoso avance.
Oxalá os datos sobre as máis novas se afiancen. Porque, polo lido até agora, sabemos que son o futuro.

Comentarios