Opinión

O escritor na súa terra

Desde a adolescencia, o nome de Xosé Manuel Martínez Oca é para min sinónimo de descuberta da literatura galega. Aos quince anos, a lectura do seu Un ano e un día, foi un dos chanzos decisivos no deseño do meu futuro vocacional. Por iso, cando o seu nome xurdiu entre as propostas de autores para seren homenaxeados pola AELG neste 2022, o meu apoio foi claro e entusiasta.

Este sábado recibe a homenaxe "O escritor na súa terra", unha celebración que é unha alternativa real ao día das letras, con tres elementos que a definen e a confrontan coa homenaxe que só pode recibir quen xa faleceu. A saber, é unha homenaxe que conta coa participación activa da persoa homenaxeada, que se realiza no lugar ao que se sente unida, normalmente por nacemento, onde vai permanecer para sempre o seu nome en forma de monólito de pedra, árbore e espazo público, e na que recibe a calor de amizades, colegas e veciñanza.

Neste mes, a AELG fixo nas redes sociais, un percorrido en imaxes polas homenaxes xa realizadas. Nel podemos comprobar como eses monólitos dos escritores e escritoras trazan as súas particulares vías na xeografía galega: de Outeiro de Rei a Vigo, de Cangas a Noia, de Compostela a Melide, de Ourense á Lourenzá, do Incio a Ribadeo...

Lin Un ano e un día ao ano seguinte da súa publicación, 1980. O meu exemplar de Edicións do Castro ten o lombo descolorido e o canto das páxinas escurecido. Corenta e dous anos despois, o grosor das súas páxinas e a súa tipografía fano vello, e entrañábel. Unha prezada posesión. A manivela que pon en marcha a lembranza dunha lectura voraz, a da volta de Afonso a Vilavella, a lembranza da súa adolescencia, os anos de aventuras que se "murchaban" á tardiña, cando os "clarinetazos" das nais atravesaban a distancia e "os vaqueiros, os piratas, baixaban a testa avergoñados" e tiraban para as súas casas.

Naquel libro, esta nena de cidade gozou da lectura e aprendeu lingua, e ficou definitivamente "enganchada" á literatura de noso.

Parabéns escritor!

Comentarios