Opinión

Escolas infantís

Baixo a escusa de apoiar a natalidade, a Xunta converte en gratuítas as escolas infantís de titularidade privada. Entre elas estarán mesmo as de coñecido ideario relixioso.

O que por un lado é unha variante de potenciación da privatización no primeiro ciclo de educación infantil, tamén é unha forma de tapar a falta de implicación con esta etapa que se concreta na non construción de máis escolas infantís públicas, como as Galiñas Azuis, nalgúns casos previstas desde hai anos.

Resulta curioso que neste caso o PP opte por unha medida universal sen matices, que logo nega cando outros, coma a CIG-Ensino, reclaman a gratuidade do ensino público, con medidas como a gratuidade dos libros de texto e outros materiais educativos e os servizos complementarios. Pero o electoralismo ten estas contradicións. E andan a fume de carozo porque todo apunta a que hai preocupación polos futuros resultados electorais. Desde logo, certos movementos tácticos dos "mantidos" do arredor do PP así o confirman.

Mais nesta calculada xenerosidade con empresas privadas revestida de apoio á natalidade, hai unha peza 'fulcral' no sentido literal da palabra: o soporte sobre o que xira o cálculo económico desta partida orzamentaria. Son as traballadoras. Un sector laboral que soporta un dos peores convenios que existen. Se facemos un repaso rápido polas diferentes táboas salariais comprobaremos que os coidados da infancia, persoas dependentes ou vellas (revaloricemos o termo) son os traballos peor remunerados e que neles predominan os salarios mileuristas que as patronais, agora favorecidas con esta medida, se negaron a executar unha vez asinado o convenio, tendo que ser denunciadas ante a Audiencia Nacional.

Ou sexa, poderiamos considerar que o electoralismo do PP vaise executar por dez millóns de euros grazas ao baixo custe das traballadoras das escolas infantís privadas. As mesmas que queren que se poñan a parir. Mais, se seguimos coa actual oferta de traballo e de salarios, vai ser difícil.

Comentarios