Opinión

Eleccións

Nuns días comeza a campaña para as eleccións sindicais no ensino, unha convocatoria que para min é tan importante como calquera outra de ámbito político. En todas elas nos xogamos, literalmente, o noso futuro. Porque, en calquera caso, votar e elixir a nosa voz.

Mentres preparo o guión para lles falar a outros profes e percorro os coñecidos traxectos cara aos seus centros, a miña cabeza viaxa anos atrás, a cando era una profe nova de lingua galega e comezaba sentir por min mesma a importancia, a reputación do sindicato en que me afiliara e ao que tantas veces acabei representando.

Cando comecei a traballar considerei que o normal era afiliarme e que o sindicato que a min podía representarme tiña que ser unha organización nacionalista. Dese xeito acabei entrando pola porta do entrechán que ocupaba a INTG en Compostela, onde tamén un novo Néstor Rego me entregou a ficha de afiliación. Eu participaba en canta reunión había e un día Xepe Torres pediume que lle dese o relevo. Desde entón pasaron trinta anos. Tres décadas en que cambiaron moitas cousas e en que se acadaron melloras profesionais que foron posíbeis grazas ao traballo sindical. Eu sempre penso no permiso de lactación, seguro que porque eu non tiven dereito a el, un permiso que acadamos tras longas horas de negociación.

Pero hai un episodio que a miña memoria lembra estes días. A primeira vez que asistín en nome da CIG-Ensino a unha comisión de baremación do Concurso de traslados. Estaba bastante nerviosa, insegura e sen confianza ningunha no que eu puidese facer. Mais comprobei que a nosa simple presenza era xa un elemento de garantía para o mellor desenvolvemento da comisión, tal é a forza das siglas da CIG. Xa entón, cando aínda non eramos a primeira forza sindical en Galiza, a nosa participación equilibraba a balanza e freaba as peores intencións da Administración e dos empresarios. 

Por iso sinto que pertenzo a un colectivo cargado de argumentos, de traballo, de dignidade. Sinto que é a forza que eu preciso.

Comentarios