Opinión

Educación sexual

"A ausencia de educación sexual e afectiva favorece o sexismo, que por si mesmo é a antesala da violencia". Esta afirmación recollida polo xornal Liberation, foi realizada pola presidenta do Alto Consello para a Igualdade de Homes e Mulleres da República francesa. Con motivo do inicio de curso, o organismo emitiu un informe en que reclama dos poderes públicos que dean ao tema unha prioridade absoluta. E o ministro de Educación asinou unha circular para que nos centros escolares se dea cumprimento á lei de 2021 que fixa a realización de tres sesións anuais de educación sexual, algo que non se está a cumprir.

O informe alerta dos elevados índices de violencia sexual entre a mocidade e da alarmante falta de respecto a cuestións fulcrais coma o consentimento. Manifestan que o ensino non está á altura. Por iso reclaman que se cumpra o previsto na lei e que se avalíe ou que se fa efectiva a obriga de representación de "mulleres en libros de texto, currículos e materias de exame".

A propia Unesco confirma que a educación en sexualidade é beneficiosa para a saúde da mocidade e incide positivamente nos comportamentos sexuais.

E no Estado español? A educación sexual na nova lei deste goberno non pasa de ser un principio pedagóxico e un contido transversal. Abordábel desde calquera materia ou desde ningunha, pois a súa aplicación queda a criterio dos departamentos e, en última instancia, do profesorado. En definitiva, depende da vontade, e daquela tamén da ideoloxía, das persoas docentes. Docentes que, ademais, non fomos formados para iso.

Deberiamos traer á actualidade o debate sobre a educación sexual nas aulas? Penso que si, pois a ausencia destes contidos no currículo non nos permite dar ferramentas "para desenvolver relacións sociais e prácticas sexuais respectuosas, para reflexionar sobre o impacto das súas eleccións..., para comprender os seus dereitos e defendelos ao longo da súa vida", tal e como prevé a Unesco que faga a Educación Sexual Integral na escola.

Comentarios