Opinión

Do aborto

Tiña unha profesora de historia que era o noso espanto. Foi naquel ano en que Tejero executou o golpe de Estado. A profesora tiña máis idade de estar xubilada ca en activo, mais alí seguía coas súas clases maxistrais, envolta no seu abrigo de pel. Era o máis reaccionario que había naquel instituto.

Aínda lembro unha sesión en que nos pechou nunha sala sen ventás para ver un documental. Lémbroo coma unha película de terror. O documental era contra o aborto. En canto rematou, naquela mesma escuridade, seguiu adoutrinándonos, e non só contra o aborto, tamén contra as relacións de parella, que ela consideraba absolutamente inadecuadas, e fixo desagradábeis e explícitas alusións aos bicos de "parafuso". Creo que só lle faltou chamarnos "putas", mais tampouco teño a seguridade de que non o fixese, capaz era. Todo de acordo co argumentario da perfecta muller nacionalcatólica.

Naqueles tempos o debate estaba na rúa. Faltaban catro anos para a aprobación da Lei do aborto. Quen tiña recursos económicos, xa imaxinamos que as e os mesmos que estaban en contra da despenalización, ían a Londres a interromper os seus embarazos non desexados. Mentres, as mulleres da clase traballadora ían a Portugal ou mesmo tiñan que recorrer a medios máis insalubres, atrapadas nese cinismo das clases que seguiron ostentando o poder.

Sempre me chamou a atención que a insistencia en opoñerse ao aborto partise dos mesmos que se opoñían a unha educación sexual e a un acceso aos métodos anticonceptivos que asegurasen unha planificación adecuada. Sempre concluín que o seu beneficio residía nunha alta natalidade dos máis humildes, no camiño dunha masa alienada sobre a que exercer a explotación laboral. Parapétanse na vida das células, eles que non respectan a vida das persoas e recortan unha e outra vez os seus dereitos a unha educación, unha sanidade, unha vivenda, un traballo, un salario dignos.

E aí seguen, cunhas siglas ou con outras. Dando pasos atrás. Puro fariseísmo capitalista. Outra vez.

Comentarios