Opinión

Día de Rosalía

Hai xa uns anos que a data non nos pasa desapercibida. De feito, iniciamos o día compartindo os seus versos. Na radio e escoitamos o que todas e todos estamos a repetir: feliz día de Rosalía. A seguir as novas do que está a suceder nese momento.

Van ser as 10 e no Parlamento falan persoas vinculadas a diferentes entidades antes de pór na terra un fillo daquela figueira que Rosalía citou nos seus versos: “figueiriña que prantei”. O presidente dá lectura a unhas palabras oportunas, que contradín os seus feitos políticos. E en escoitando eu, e sospeito que moitas outras, sinto a rabia dorida que alenta en “Ladraban contra min...”. Rabia porque ese partido popular que se nega a institucionalizar a data, apresúrase a aparecer nos medios coma se el fose o auténtico promotor. Négalle o recoñecemento, mentres posa na foto. E o corpo da proposta que trasladou a AELG para que o 24 de febreiro sexa declarado Día de Rosalía aínda está quente sobre a mesa en que foi rexeitado polo partido que ostenta a maioría absoluta e di gobernar para todas as galegas e galegos, esas mulleres e homes que seguen a cantar e emocionarse cos versos de Rosalía.

E que agardar? Máis de dez anos leva a CIG-Ensino propoñendo na negociación do Calendario escolar que se recolla a data para celebrar a nosa escritora máis universal, para contarmos cun día sinalado que percutirá alí onde aínda está o amor pola nosa lingua, pois ela é tamén o máis potente axente normalizador. E máis de dez anos leva a Consellaría de Educación negándose á proposta, argüíndo que xa hai unha semana das letras e outros razoamentos evasivos. Por que lles molesta tanto?

Por iso sinto rabia. Por ese fariseísmo. Por ese cinismo sen límites que os leva a agarrar o micro e colocarse no centro da imaxe, mentres coa outra man rachan as propostas e procuran enterralas.

Un ano máis Rosalía bateu no corazón do pobo e obrigou a quen dela renega a envolverse nos seus versos. E aí seguirá alentando, viva e rebelde, dándonos azos.

Comentarios