Opinión

Derreter un iceberg

Na semana en que comezou o curso escolar, manifestaba nesta columna a miña preocupación por como combater a violencia de xénero e atopar a mellor maneira de comunicar e formar na súa prevención.

Aínda que non é un tema que só deba tratarse puntualmente, nesta semana é central, así que boto horas recompilando material, música, textos, unidades, imaxes... , todo o que poida ser útil para que se poñan no lugar da outra e aprendan a recoñecer as diferentes violencias e os seus mecanismos, como medida de protección ou reeducación.

Á veces penso se algunha das caras que teño diante de min vive nun fogar violento, a estatística dime que si. Nestes meses limos que os xulgados galegos rexistraron 17 asuntos penais diarios relacionados coa violencia de xénero. E outro dato non menos alarmante, o elevado número de quebrantamentos de condena e a reiteración destes delitos. Cifras inasumíbeis segundo o Fiscal superior de Galiza.

E iso que todos estes datos non dan conta do conxunto da realidade. Porque aínda hai mulleres que non denuncian, ás veces pola violencia económica á que se vén sometidas, outras polo freo que é para elas a violencia institucional; e sempre polo temor ao que lle suceda aos fillos, un grillón máis efectivo que calquera cárcere. Tamén porque só unha parte da violencia visíbel (lembremos a imaxe do iceberg) remata en denuncia.

Como educadora preocúpanme as manifestacións que fican ocultas ou que mesmo adoitan ser normalizadas, tanto que sempre hai algunha alumna, tamén profesora, que non entende que dicirlle guapa a unha muller pode ser agresivo, nin sequera axuda o recurso a facer ver que iso non se lle diría a un home nas mesmas circunstancias, porque cualificarnos ás mulleres polo noso aspecto é normal e ninguén pensa que poida contribuír á nosa minusvaloración, mais forma parte dos estereotipos patriarcais coma as cores rosa e azul.

Para facer aboiar a totalidade do iceberg e derretelo, necesitamos a calor que entre todas e todos lle poidamos dar.

Comentarios