Opinión

De volta do 25

Hai vinte e tres anos que atraveso a AP9 para chegar a Compostela o 25 de xullo e este ano, por primeira vez, atopei un control policial impactante, xusto na peaxe anterior á entrada en Compostela. Varios furgóns. Fusís e metralletas. Un funil de conos e ameazantes cadeas de pinchos. A primeira consecuencia, unha caravana de coches que sempre é perigosa nunha autoestrada.

Casualmente, aínda que din que as casualidades non existen, no primeiro paso elevado a seguir, unha enorme bandeira de España parecía recibirnos cunha advertencia.

Sen entender nada (ou entendendo todo) avanzamos e chegamos ao desexado destino, Compostela, capital da nación amada. 

Sabiamos que o aparato militar escollera a nosa cidade para exhibir o seu poderío, mais non sabiamos que elixiría xusto o momento anterior á saída da manifestación convocada polo BNG desde a Alameda. Mentres agardabamos felices de vernos de novo, lanzaron sobre nós o seu refugallo de gasolina queimada tinxida coas cores de España. E non só unha vez. 

Mais non foi a única manifestación españolista da xornada. 

Nunca me pasara. Na rúa Nova, a piques de acadar a Quintana, unha muller observaba tensa o noso paso. “Entonces no quereis estar unidos a nosostros?” Preguntoume a min. Ía seguir, mais xireime e respondín lacónica: “non”, mentres me preguntaba que se lle pasaba pola cabeza a unha persoa que coma ela adoptaba esa actitude, que clase de dereito pensaba que a asistía?

Do resto, xa sabedes, un pequeno número de persoas facendo barullo coa bandeira de España ás costas e un grupiño lanzando consignas en San Francisco ao pé da estatua de Asorei que estaría a se revolver na tumba. Iso si, debidamente protexidos pola policía nacional.

Na catedral, un rei e varias ministras.

En definitiva un despregue administrativo, militar e policial español que non acadou o seu obxectivo, aínda que, na súa preocupación porque o nacionalismo sexa normal para os galegos e galegas, deunos a medida da nosa grandeza. Viva o día da patria!

Comentarios