Opinión

De vez

Desde hai moitos anos reclámase da Consellaría de Educación a realización dunha avaliación obxectiva da situación da lingua. Mais as únicas avaliacións que existen son as que realizaron entidades como a CIG e a AS-PG ou a Mesa que foron dando conta do incumprimento dos sucesivos Decretos do uso da lingua galega no ensino. Só na lexislatura en que non gobernou o PP se solicitou desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística ao Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago unha investigacións sobre a competencia do alumnado en galego e español en 4º da ESO.

Nestes días publicouse un novo estudo que vén continuar e mellorar aquela investigación. Os datos reclaman a nosa atención.

A Consellaría debería ler o informe, polo menos o que se recolle na coda: “resulta imprescindible promover novas investigacións que permitan afondar en dimensións específicas”, porque o que é innegábel, a pesar das respostas automáticas da Consellaría, é que estamos nun “proceso progresivo de desgaleguización familiar e ambiental da infancia e da mocidade”.

Este estudo pon de manifesto que non se están a cumprir a Lei de Normalización Lingüística respecto do coñecemento e competencia que ten que ter o alumnado ao rematar o ensino obrigatorio. Aínda máis, compróbase que cando os centros non son públicos esa diferenza na competencia da nosa lingua é maior. Por que será?

Que van facer? Farán de novo como estes días cando o BNG lles reclamou o cumprimento da Carta europea das linguas? Volverán tirar do seu repertorio de respostas: “temos un modelo propio que dá resultado” (u-los datos que avalan esta resposta?), “o número de galegofalantes aumenta” (onde os demais lemos que descende, vostedes len que aumenta) ou “Galicia é modelo de convivencia lingüística” (supoñemos que cando din convivencia estanse a referir a que se prohibe o uso do galego nas ciencias, ou que a penas está presente na xustiza...)?

Nós, seguiremos a reclamar un cambio de política lingüística. De vez.

Comentarios