Opinión

De segunda

Parece que hai preocupación polo despoboamento do rural. Hoxe moitas aldeas só vén pasar persoas polos seus camiños no mes de agosto, cando retornan da emigración ou das cidades en que traballan para pasar uns días e ir á festa do patrón que, casos hai, até foi movida para este mes en atención aos que xa non residen alí.

O despoboamento chegou unhas veces polo desexo dunha vida mellor, afastada dos sacrificios que impoñían as tarefas agrícolas e gandeiras. Outras porque a necesidade apremaba e non se vía outra opción. Agora podemos ler en diversos estudos que mesmo foi unha forma de utilizar a xente durante o réxime franquista, converténdoa en remitidora de divisas para os bancos.

E xa nos últimos tempos, o afastamento ou a ausencia de servizos coma o ensino ou a sanidade, tamén o saneamento, o transporte ou mesmo a telefonía, moveron aos máis novos e novas, ou non tanto, cara ás cidades.

Porque todas e todos queremos vivir nunhas condicións dignas, mellores cás das xeracións que nos precederon, pois nese avance empeñamos o noso tempo e os nosos esforzos. É de lei.

Como é de lei que, quen queda na aldea, non se vexa privado deses mesmos servizos, ou acaso é un cidadán de segunda? Que eu saiba paga os mesmos impostos que ordenan os gobernos e non recibe compensación ningunha por estar máis lonxe ou por non poder ter nin sequera algúns deles. Dixen quen queda, sería mellor dicir quen queda e quen volve, pois nas áreas metropolitanas das cidades galegas hai un elevado número de persoas que habitan en aldeas, aínda que xa non lles chamen así e poñan sempre por diante o nome do concello.

O digno, a día de hoxe, sería ter eses servizos, como o saneamento, imprescindíbel para evitar a contaminación, por exemplo, ou o acceso a unha rede de internet que permita pedir unha cita médica, ou rexistrar un escrito sen que se corte o servizo. Porque nos impoñen o uso desas novas tecnoloxías, mais o que non nos dan, son os medios para poder usalas por igual a todas e todos.

Comentarios