Opinión

Das que non remenda(ba)n calzóns

Falaba hai uns días da descuberta na biblioteca de Sines da escritora Cláudia de Campos. Mentres escribía aquelas palabras, topei con Guiomar Torresão, escritora e feminista lisboeta, muller independente que nin casou nin tivo fillos e que dedicou unha parte importante do seu tempo ao xornalismo.

Nesa rede que é a literatura, fun desenleando un palangre que me levou á obra de Torresão e devolveume de novo a Rosalía, pasando de novo por Sines e a literatura do XIX en que o divorcio é defendido como ferramenta necesaria para que a muller recupere a liberdade.

Neste ir e vir de fíos apareceu unha imaxe, a de remendar a roupa do esposo pola muller abnegada. Unha imaxe, unha ponte que une a loita das mulleres a través das linguas do mundo e, neste caso, no ámbito de dous estados que van tecendo a súa historia en paralelo, desde a loita contra os franceses até o nacemento das primeiras repúblicas.

Guiomar Delfina de Noronha Torresão viviu entre os anos 1844 e 1898, foi, por tanto, coetánea de Rosalía. A súa primeira obra, a novela Uma alma de mulher que escribiu con dezaseis anos, en 1860, mais que non foi publicada até 1869, cando contaba con vinte e cinco anos e xa exercía como xornalista en diferentes medios. A escrita foi o seu medio de obter recursos para a minguada economía familiar sostida pola súa nai costureira, despois do falecemento do pai en 1854. Con todo, cómpre ter en conta que moito dese traballo e das colaboracións que realizou fíxoas baixo pseudónimo masculino: Gabriel Claudio, Delfim de Noronha (ou Delfina), Roseball, Scentelha,Tom Ponce ou Sith. Un exemplo: o 1 de xaneiro de 1881 sae á rúa o primeiro número da revista semanal Ribaltas e Gambiarras e na súa cabeceira lemos: Redactor, Delfim de Noronha. Será no número 11, de marzo, cando comece asinar co seu propio nome e na cabeceira diga: Redator (números despois Redactora), Guimoar Torresão. Na “Chrónica alegre” que abría aquel número, coma os anteriores, comeza dicindo: “Afinal não ha nada n’este mundo que não se possa dizer”. O artigo é a necrolóxica de Delfim de Noronha: “deixou de pertencer ao numero dos vivos no momento preciso em que as mascaras cairam… Assassinaram-n’o galhardamente os adjextivos da imprensa e a indiscrição amavel dos collegas.

No seu derradeiro lampejo de vida, Delfim de Noronha pede aos leitores uma saudade, dispensando o necrologio e legando-lhes em troca um nome,

Guiomar Torresão.”

Naqueles tempos, o habitual era ler palabras coma estas de Oliveira Martins referidas ás mulleres: “destino común -salvo excepçoes privilegiadas, como V.Ex.ª.(refírese a Torresão) – é cozinharem bem a panela a seus maridos, saberem lavar os filhos e remendar-lhes os calçoes” (I). Remendar os calzóns. E aquí téndese a ponte co texto de Las literatas. Carta a Eduarda: “Sobre todo os que escriben e se teñen por graciosos, non deixan pasar nunca a ocasión de dicirche que as mulleres deben deixar a pluma e repasar os calcetíns dos seus maridos…”. Curiosas liñas de palangre a unir os ataques contras as escritoras.

Mais, se isto non era suficiente, lemos no artigo “A cena perturbada: personagens dramáticas femininas de Gervásio Lobato e Guiomar Torresão”  de Claudia Barbieri Masseran unha cita que fai referencia a que naquela altura eran raras as mulleres escritoras en Portugal, e dentro delas, máis raras aínda as que merecían tal título pois a maioría delas eran cualificadas de  “parolosas pedagogas, ou inofensivas delambidas” (II).

Contra estes e outros muros chocaron as mulleres naquel século (e nos que seguiron). O primeiro, o que lles indicaba cal era o seu lugar e o seu cometido: repasar calcetíns, remendar calzóns; o segundo, o que denigraba os seus traballos e desprezativamente as alcumaba de “parolosas pedagogas, ou inofensivas delambidas”. Como recolle Barbieri ao inicio do seu artigo (ollo, que estas críticas están vixentes, se queren poden rastrexalas nas publicacións actuais referidas a escritoras de hoxe):

“Sobre a literatura de autoria feminina incide, genericamente, três críticas. A primeira… é o de ser “meramente feita por, para e sobre mulheres”… A segunda acusa a escrita feminina por suas supostas faltas: a superficialidade em detrimento do conteúdo grave e reflexivo, a objectividade incipiente, ausência de preocupações estéticas e formais no processo de composição, textos facilmente datáveis e, portanto, pouco significativos para a posteridade… A terceira, ao contrário, acusa a literatura feminina por aquilo que lhe sobra: o excesso de lirismo, de sintementalismo, de discursos moralistas, personagens raras e arquetípicas” (p.p. 102-103).

Será por iso que, nesa loita, as escritoras empregaron a súa arma máis poderosa, o texto escrito, tinta que fixa o seu pensamento e nolo entrega a través dos séculos, e iso a pesar dos canons literarios que as esqueceron ou deturparon. Con esa arma nós podemos hoxe volver a vista atrás e recoller este legado, unha herdanza que nos fai máis poderosas e nos axuda a avanzar. Entre eses textos lemos como xa entón non só reivindicaban o divorcio en contra da moralidade católica (ás veces cun certo humor como fixo a propia Torresão no microrelato “Devaneios”, publicado postumamente no Jornal de Sines (nº 14, 3/02/1901), senón que reclamaban outra educación para as mulleres, mostrando como as súas personaxes, despois de recibir a educación axeitada, eran quen de emanciparse:

“CHRISTIANA. - Eu sou maior, estou emancipada, … Não me consultaram, não me ouviram, não trataram primeiro de averiguar se haveria ideias na minha cabeça, se haveria sentimentos no meu coração! Confundiram-me com as meninas ingênuas e idiotas, que os papás atiram, sem preâmbulo, para os braços do primeiro noivo rico! Encadearam arbitrariamente a minha liberdade, fizeram de mim um fantoche e sacrificaram-me odiosamente à velha tirania do quero, posso e mando! [...] Não, não sancionarei nunca um despotismo! A minha educação, o meu temperamento, o meu caráter, independente e altivo, insurgem-se contra a violência do forte exercida sobre o fraco! …”

O fragmento pertence á obra teatral, Educação Moderna: Comédia em Três Atos, estreada en Lisboa en 1891.

Mirando cara a atrás, felicitámonos por estas mulleres que non remendaron calzóns, nin repasaron calcetíns e empuñaron a pluma e o lapis para deixarnos a súa obra escrita, a que hoxe podemos recuperar e reler e enarborar coma unha bandeira.

 

I. Citado por Ana Costa Lopes, “Do exercício pleno da transgressão à conquista da igualdade”.

II. publicado en Desassossego nº 17, xuño 2017, páx. 119.

Comentarios