Opinión

Das letras galegas?

Era a segunda vez que saía unha pregunta sobre quen fora a autora homenaxeada no día das Letras galegas deste pasado 2021 e por segunda vez os concursantes descoñecían a resposta. Impactoume o feito. No inmediato, porque entendo que é o que se pode considerar a típica pregunta dese programa, “Atrápame se podes”, e, por tanto, unha información digna de ser repasada. Mais, ao remoer no feito, rematei por pensar que este descoñecemento era proba de que a data fixada para “honrar o libro galego, ... celebrada coa máxima solemnidade e recabando ...  a colaboración das institucións culturais do país”, como dicía a proposta orixinaria, perdeu o seu significado. E isto preocúpame porque non podo evitar poñelo en relación coa situación da lingua e, canda ela, da nosa literatura.

Porque, na miña opinión, o normal sería que calquera persoa soubese quen é a autora ou o autor homenaxeado no Día das Letras galegas de maneira pasiva. Isto é, o nivel de información e difusión sobre a homenaxeada debería ser de tal magnitude que o difícil fose non sabelo. Mais non é esa a dimensión da data hoxe, así que hai algo que non funciona en “Elsinor”, atrincheirada contra o vento da lingua, aínda que agora creasen ese lema que escriben baixo un espello: “Saca o galego que levas dentro”.

E como chegamos aquí? Para todo hai un primeiro paso. No caso do Día das Letras foi hai trinta anos, en 1991, cando a data foi declarada festiva sendo presidente da Xunta o exministro de Franco Manuel Fraga e García Sabell presidente da RAG, cargo desde o que denunciou a Lei de Normalización Lingüística e conseguiu que se nos privase da obriga de coñecer o noso idioma propio. Desde entón a data foise baldeirando de contido até se converter nunha ocasión para as promocións das axencias de viaxes que nos convidan a sacarnos fóra en “el puente de las Letras Gallegas”.

E se o aspecto menos conflitivo da data, o literario, pode pasar desapercibido, o comprometido e profundo sobre o futuro da lingua, que é del?

Comentarios