Opinión

Da mañá do 8-M

Unha vez máis Galiza foi exemplo. De novo o noso país foi escenario de mobilizacións multitudinarias e, neste novo contexto, coidadas ao extremo. Só hai que ver as imaxes, o Obradoiro  cuberto por unha retícula humana de corpos equidistantes, rúas e rúas de fileiras de mulleres ruidosas, Vigo colapsado e coa longa avenida da Gra Vía ocupada por tres columnas de persoas que non poden ser acadadas polo ollo humano.

Era previsíbel, mais foi sorprendente. Gratificante. Unha pílula de optimismo nesta negritude patriarcal que segue a se cebar en nós e coa escusa do medo ao virus explotou discursos contra as manifestación, como  o vídeo daquelas sanitarias do centro da Península que se proxectou como verdade absoluta, mentres as nosas compañeiras obrigadas a traballar autorretratábanse reclamando o seu dereito a mobilizarse e ningún medio de comunicación se facía eco da súa reivindicación. A manipulación informativa sempre presente. Moi presente.

Entendo que reparastes en que durante o día se foi falando tamén das mobilizacións numerosas e ordenadas da mañá. Mais non se mencionaba a organización convocante. Parecería que eses centos de mulleres, traballadoras en folga que portaban letreiros reivindicativos, bandeiras da patria e da secretaría da muller da organización convocante estaban na rúa a se manifestar porque si. Como se iso ou que en Galiza houbese máis de 80 mobilizacións, moitísimas máis ca noutros territorios que nos superan en poboación, non se debese a nada.

Nihil novum sub sole. As siglas da CIG difumínanse na información para evitar que reparemos na capacidade de convocatoria e mobilización da que é a primeira forza sindical galega. Dar a nova e ocultar a autoría. Nos seus manuais de estilo non cabe citar a unha forza nacionalista se non é para etiquetala de maneira negativa. Como dicía aquela nota da censura: se se menciona a súa actividade política, que sexa para dicir que foi errada e que se agarda da misericordia de Deus o perdón dos seus pecados.

Comentarios