Opinión

Cunqueiro

De Cunqueiro quedo co teatro. Especialmente co seu Hamlet. Para min, a obra do galego esaxera o carácter das personaxes até pór a vista os seus defectos. Seguro que tamén a lembro especialmente porque formei parte do elenco amador que puxo  a obra en escena no Principal de Compostela en 1989. Mais, tamén sigo retendo unha imaxe nítida da admirada María Barcala protagonizando A noite vai coma un río.

Nestes días en que o escritor, unha persoa que intúo falta de coraxe e contraditoria, foi enarborado como modelo de galeguismo polo PP, volvín lelo. Para alén das filiacions políticas do escritor, ao Partido Galeguista primeiro e á Falanxe despois, o que temos presente é o seu epitafio: “Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis". Recollido nun discurso lido en Vigo nove meses antes de morrer, en que tamén di: “Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo”.

Nada disto lembrou ese partido que di identificarse co galeguismo de Cunqueiro. Só lles interesaba sinalar que non fora de esquerdas, nin independentista, iso si, aproveitando para cualificar a ideoloxía de esquerdas como contraditoria e conflitiva, e para colocar ao lado da palabra nacionalismo o adxectivo supremacista, falándolle directamente ao subconsciente das persoas que os escoiten, normalizando asociacións de ideas que perseguen o claro obxectivo de crear confusión ideolóxica sobre o que significa ser de esquerdas ou nacionalista.

Tal que prestidixitadores das palabras e as ideas quedan co que lles interesa e esquecen intencionadamente o compromiso de Cunqueiro coa lingua, ou que no seu día foi expulsado da organización política que o colocou como controlador ideolóxico do ABC. O mesmo Cunqueiro que na década do 47 ao 57 escribía a Del Riego cousas coma estas: “Véxome soio, aconchado nun buraco. E derriba de todo, toda a escura nugalla política, moral e intelectual desta hora”.

Comentarios