Opinión

Covid e mocidade

O certo é que a pandemia avanza como un deseño, unha sucesión de puntos que se van engrosando até se converter nunha liña que se engrosa pola banda atlántica, alí onde hai maior densidade de poboación.

As novas son para se alarmar. Europa, o mundo, vive unha situación cada vez peor. Toda a información coa que foron cebando unha esperanza sen alicerces, esboróase agora ao comprobarmos que todos os anuncios caducan sen que nada mudase. Digámolo coloquialmente. Dan paus de cego. Coas vacinas, coas investigacións, non hai datos concluíntes, só unha realidade e as imposicións do consumismo, do capitalismo voraz que cuestiona e confronta todas as medidas posíbeis para tentar determos o avance do bicho.

Cada día as noticias informan do nivel de alerta e do número de persoas contaxiadas e falecidas, comezan coas cifras e rematan coa culpabilización, envorcando sobre as persoas a responsabilidade da evolución da doenza. Especialmente sobre a mocidade, colocándoos tras un dedo acusador que pretende así ocultar, esmagar, a brutal realidade da destrución do seu presente.

Cando se fala da Covid-19, as mozas e os mozos aparecen nas novas dos grandes medios como modelos de irresponsabilidade e de insolidariedade, mais nada nos contan de como está sendo este momento para eles, nin que futuro poden albiscar.

Nun mundo en que a pobreza avanza ás alancadas e as colas máis numerosas son as dos bancos de alimentos, a mocidade pobre ou dependente da economía paterna pasa desapercibida, cando é ela a que está ao borde do abismo. Porque serán os parados, os pobres ou os traballadores alienados de mañá. Tardarán en incorporarse ao mundo laboral, carecerán de cotizacións suficientes para un capitalismo que quererá espremerlles até a última gota de sangue. E eles, elas, aínda non pensan, non queren pensar nese mañá. Só o presente co seu dedo acusador é xa unha lousa que os esmaga, que os fai vellos antes de selo, segando a ledicia e a ansia de loitar, que debería correr polas súas veas.

Comentarios