Opinión

Conspiratoria

Nas últimas semanas asistimos a unha guerra informativa polo relato do que está a suceder ao norte dos Cárpatos. Hai unha versión occidental, aceptada pola OTAN e a UE que se presenta como oficial. Fronte a ela, outras explicacións que reflexionan sobre o feito de que esta pode ser realmente unha guerra contra o continente europeo, que busca o beneficio económico dos EUA, son descualificadas cun despectivo "teoría conspiratoria". Seguro?

Resúltame insólito que haxa quen comungue con ese argumentario, e despois consuma series de ficción, como "House of cards", que xustamente sustentan de maneira probatoria certas manobras políticas que, non sempre están dirixidas ao beneficio colectivo dun estado, senón que simplemente son as tácticas empregadas por unha persoa, un grupo, para manterse no poder. En definitiva, unha oligarquía económica.

"House of cards" relata o ascenso á presidencia dos EUA dun político demócrata que non terá escrúpulos en utilizar todo tipo de manobras, mesmo asasinar coas súas propias mans. A serie relata feitos absolutamente retorcidos, é pura conspiración. Mais, inspirada na propia historia americana. En concreto nas presidencias de Jefferson ou Johnson. Por certo que, na ficción, o sinistro Frank Underwood é o 46 presidente dos EUA en 2015. Xustamente o número que lle corresponde a Biden neste 2022.

Lemos que a idea desta serie foi de Beau Willimon, un dramaturgo de Virxinia que traballou nas campañas electorais de varios políticos, tamén para Hillary Clinton (a serie remata cunha presidenta americana). O dramaturgo, que talvez se retrata a si mesmo na personaxe do escritor Thomas Yates, traballou tamén para o ministerio de interior de Estonia.

Son pingas de realidade que se suman para ofrecer unha lectura da política americana que a maioría do público acepta na ficción, sen preguntarse en que fontes bebe.

É máis cómodo aceptar o que nos inculcan, non facerse preguntas, non saírse da liña.

Seguir elixindo ser o vaqueiro que dispara aos indios.

Comentarios