Opinión

Consentimento obrigado

Temos a sensación de ir de despropósito en despropósito e tiramos porque non nos queda outra. Iso será o que fagamos cando nos chamen para a segunda dose da vacina, asinar porque non nos queda outra, obrigadas a tomar unha decisión que non nos corresponde.

Desde o inicio sentímonos como animais cos que se experimenta. Desde o día en que pisamos o primeiro tribunal de oposicións e conseguimos dar a primeira clase, semella que levemos posto un sambenito que agora serve para converternos en cobaias. Se botamos a vista atrás e rememoramos a improvisación, o desprezo e a desinformación reiterada a que fomos sometidos desde o fatídico 13 de marzo de 2020, temos a sensación de estar en constante penitencia, de ser cristos que cargamos coa cruz en que nos colgan e aínda temos que nos baixar dela e recoller os cravos e a madeira, limpar o sangue e autosuturarnos as feridas.

Parécelles esaxerada esta alegoría? Seguro?

E que outra sensación ter cando nos trasladan que para nos dar a necesaria segunda dose, que para algúns xa chegará despois de todos os prazos recomendábeis, teremos que asinar un documento en que nos facemos responsábeis nós da vacina administrada? Acaso somos científicos? Gobernantes? Por que nos trasladan agora esta decisión, e só esta decisión, os mesmos que non escoitan as nosas demandas, trasladadas a través dos nosos representantes sindicais unha e outra vez?

Chegadas a este punto, a única explicación que se nos pasa pola cabeza é que atoparon a fórmula para se desentender da súa responsabilidade e trasladarnos unha decisión que se veñen mal dadas os exima de calquera responsabilidade civil posíbel. E cal, se non, vai ser a razón de tal despropósito? Como dixo unha compañeira de traballo e cito: “Será para non se facer responsábeis se morremos”. Pois si, iso pensamos. Porque na segunda dose nos trasladan a responsabilidade a nós, mais para aqueles que aínda teñen que pór a primeira vanlle pór Astra Zéneca sen posibilidade de elección, nin consentimento.

Comentarios