Opinión

Confusa

Hai semanas que adoito declarar que me sinto confusa. Teño a sensación de me perder nunha maraña de información, en que poucas cousas son o que parecen.

A realidade contribúe. Efectivamente, as afirmacións e as súas contraafirmacións vanse cruzando, e o resultado é un nó imposíbel de desenmarañar. Se a iso lle engadimos esta estraña campaña electoral permanente de quen preside a Xunta, que agora decidiu ir de procesión a San Bieito durante a xornada de reflexión, de nada nos serve que o ceo estea limpo de nubes.

Traballar na docencia non axuda. Penso que, se o conxunto da sociedade está sufrir os vaivéns nas tomas de decisión, poñamos como exemplo o uso das máscaras, no noso caso, a falta de definición, os cambios de criterio e, si, o descoñecemento flagrante de quen dirixe o ministerio e a consellaría sobre a súa área están a facer moito dano nunha profesión que ten que sufrir, polas súas propias características, e agora tamén polo que significa a teledocencia, o aumento do malestar emocional, unha forma suave de me referir ao equilibrio mental que todos precisamos.

Confusas e desesperadas. En definitiva, soas ante Administracións que nos insultan cando nos falan do vindeiro curso e nos din que hai que aproveitar todos os espazos do centro para impartir docencia (pero pisaron algún centro?). É como cando dixeron que as repeticións de curso tiñan que estar fundamentadas. Primeiro desprézannos, ignoran as reivindicacións dos nosos representantes e alardean do seu descoñecemento, para despois colocar a pelota no noso tellado e empaquetarnos “o marrón” de enfrontar o remate de curso.

E como guinda, xornais que se prestan a crear mala opinión do profesorado, esa vella táctica tan útil cando se acometen recortes, mentres reciben a información que a nós nos corresponde antes que ninguén. Noxo.

Mais, di o refrán que nunca choveu, que non escampara. Nesas estamos, e sabemos que son moitas as ferramentas para conseguilo, mesmo recoller celidonia para tirar as espullas.

Comentarios