Opinión

Conciliación

De camiño á manifestación do 1º de maio, escoito a Radio Galega. Preguntan na rúa sobre o traballo. A xente responde que habería que mellorar a xornada, a súa flexibilización, especialmente pensando na conciliación. Ninguén falou do salario e a maioría decantouse por unha redución dos días laborais.

Segundo a información transmitida tamén esta semana pola TVG, un estudo de Amazon recolle que o 76% das traballadoras e traballadores priorizan a necesidade de flexibilizar a xornada de traballo para favorecer a conciliación, que as empresas deben tomar nota, din os que teñen furgonetas entregando pedidos a calquera hora da semana.

A conciliación é unha das grandes tarefas pendentes, mais non só como dereito de quen traballa, senón como obriga das administracións, que deben esixir do empresariado o cumprimento da cativa lexislación existente a día de hoxe. Por outro lado, cómpre dicir que a conciliación non consiste só en flexibilizar a xornada laboral, nomeadamente das mulleres, para dedicar unha parte importante da nosa vida aos coidados. Consiste tamén en ofertar prazas públicas para que os coidados que se dan sexan de calidade.

Un exemplo: de nada me serve a min, como traballadora, que me permitan flexibilizar a miña xornada, se iso significa que ás horas de traballo teño que sumar as horas de coidados dunha nai dependente, porque finalmente a miña vida se converte nun tránsito entre xornadas de dedicación das que eu desaparezo como persoa e acabo enfermando física e mentalmente. Esa conciliación só sería posíbel se a Administración ofrecese un número suficiente de prazas públicas para coidados de maiores. Coidados especializados que lles (nos) permitan enfrontar esa nova etapa vital con toda a dignidade de quen deu a súa vida á sociedade a través do seu traballo.

Mais esa non é a realidade, hoxe hai que recorrer á iniciativa privada, cuns prezos que, no caso da atención 24 horas, superan as xubilacións máximas existentes.

Un suculento negocio que se resisten a perder.

Comentarios