Opinión

Con ben veñas

En datas coma estas entregámonos aos rituais. É a nosa forma de esconxurar o medo ante a incerteza de como será o futuro. E iso que, como escribe Irene Vallejo: “que antigo pode chegar ser o futuro”. É dicir, que predicíbel e até que reiterativo de todo o que nos magoa.

Nas terras do Condado miran as tempas e predín como será o ano que entra, comprobando de onde sopra o vento no fío da media noite. E o vento sopra do Suroeste, sempre sopra do Suroeste, para anunciar humidade e boas colleitas. Reparamos nós en que esa coincidencia nace de que o noso país é o destino das correntes oceánicas que nestas latitudes o propio planeta, no seu movemento de rotación, fai viaxar de sur a norte, de oeste a leste?

De certo que hai un ano repetimos cada un deses ritos, mais agora que vemos que o ano non puido ser peor, agora que, como escribe Zizek, “o imposíbel aconteceu, o noso mundo parou”, preguntámonos en que fallamos na noite de fin de ano e desexamos intensamente, moi intensamente que, como di a cantiga, este ano novo con ben veña, e traia canda el tantos años e cabritos como estrelas hai no ceo. Fartura que nos arrole e nos deixe pasar os días sen desfacer as mans na terra. Unha fartura que sacie tamén a fame de beleza e verdade, dándonos a saber tantas cousas que aínda fican por revelar, como ese rito que eu descubría entre os micromitos de Reigosa, “coutar o ano”. Lino e pensei en cando me foran cortar o cormo. Eu era unha cativiña. Leváronme á casa dunha veciña e pousáronme nunha padiola, destapáronme a barriga e algo fixeron por riba dela, e xa. Non sei se o rito fixo efecto ou non, mais tentar tentárono. Así que, dixen eu, mal non fará.

Daquela procedemos: vou coutar o ano!

-Vai coutar o ano!

-Couto as pandemias que atacan a nosa saúde, a economía das nosas casas, a nosa tranquilidade e o acougo dos nosos corazóns!

-Couta as pandemias!

Agora só cabe agardar, agardar que todas e cada unha destas pandemias que nos asolan amainen, e a escuridade dea paso á luz.

Comentarios