Opinión

Cocos

Non quero elixir unha, cando as podo ter todas. Mais se este 17M me preguntasen que palabra escollo, diría cocos. Porque esa palabra está ligada á descuberta inconsciente de Carvalho Calero, cando de miúda, na cociña, pasaba as follas da súa Gramática elemental do galego común. Cocos era un dos exemplos que ilustraba as diferenzas de timbre vocálico en galego. Significa “vermes”. E a palabriña foi o pretexto que deu lugar ao que na casa din que foi o meu primeiro texto literario.

Aquel foi o primeiro libro de Ricardo Carvalho que entrou na casa familiar. Doce anos despois, sería a súa Historia da literatura galega contemporánea. Ao longo destes anos, e aínda que nos meus andeis hai obras máis modernas e específicas, volvín en máis dunha ocasión á Historia de Carvalho. Aínda hoxe, para facer unha fotografía do seu primeiro parágrafo e construír con ela un número especial da revista do instituto. Nesas palabras iniciais, escritas no ecuador do século XX, Carvalho explicaba que entendía por literatura galega, non en van, ese primeiro capítulo titúlase “Lingua e literatura”: “Entendo por literatura galega a literatura en galego.” Algo tan simple, tan incuestionábel para moitas e moitos, necesitaba dun soporte didáctico que ía da literatura alemá á francesa, esclarecendo o apelido que correspondería á obra de Cela ou Pardo Bazán.

Cincuenta anos despois de que esas palabras se publicasen polo que foi o primeiro catedrático da nosa lingua, aínda hai quen non ten claro que o cualificativo de galego só lle acae ao feito na nosa lingua. Non hai moito que lía palabras coma estas referidas ao teatro galego. E que diremos do cine?

A necesidade de insistir nestas evidencias é síntoma de que a nosa lingua precisa con urxencia unha política verdadeiramente normalizadora, por iso o 17M debe seguir a ser unha data de reivindicación, para desconfinar a lingua. Porque tomando as palabras de Carvalho Calero, non queremos suicidarnos como pobo e esperamos, contra toda esperanza.

Comentarios