Opinión

Ciclo contaminante

O meu irmán está reparando un barco en Perú. De cando en vez envía imaxes daquel porto, dos seus xantares, dos pelicanos ou de mandas de lobos mariños, acompañadas de palabras cheas de pesimismo. Diante del a contaminación é un hábito, o lixo, unha forma de vida. Os días pásanlle cun menú a base de chanco con arroz ou arroz con chancho servido en caixas de porespán que acaban aboiando no Pacífico. El come nos mesmos recipientes que en Europa se desaconsellan para almacenar alimentos. Pero Europa e América, Galiza e Perú distan miles de quilómetros, abeiran a océanos diferentes e pode parecer que o que pasa alí, nin nos afecta, nin nos importa.

Estes días falamos moito do clima, están celebrando un cumio en Glasgow, as evidencias son alarmantes. Nas antípodas do Mar do Norte, desde a illa de Tuvalu, cunha poboación como a de Mondariz, e unha superficie algo maior cá do concello da Guarda, o seu presidente aproveita a data para denunciar, metido até os xeonllos no océano, que o seu pequeno país está a ser devorado polo desxeo.

Posibelmente nós puidésemos facer unha experiencia semellante, seguro que moitos esteiros do noso país poderían ilustrar como este planeta azul é cada vez máis azul e máis quente.

En todo caso, somos conscientes da situación, e asistimos a ela cun fatalismo sereno, afeito xa a que o capitalismo nos esmague coa súa ansia depredadora de beneficios rápidos e avultados. Un fatalismo sereno que se esgota na información dos medios sobre as diferenzas entre os estados desenvolvidos que seguen a explotar outros territorios. Unha industria depredadora que esquilma os océanos para producir fariña, como en Perú, onde as caixas con quilos de peixes se amorean ao pé dos barcos atracados. Mentres eles comen polo, trituran o peixe, vísceras, parasitos, plásticos... que logo exportan e cos que se alimentan as piscifactorías, pechando o ciclo da contaminación, aquí, en Europa, onde nós acabamos consumindo as caixas de porespán en que serviron a comida.

Comentarios