Opinión

Casandras

Este Nadal estiven lendo “Os homes explícanme cousas”, unha compilación de pequenos ensaios ou artigos que Rebecca Solnit (traducida por Mª Fe González) comezou publicar en 2008. O título vén dese primeiro texto en que relata como un home que acaba de coñecer alardea do que sabe dun certo tema e, cando por fin a deixa falar, ela acláralle que é a autora do libro ao que se refire.

Entre os que máis me interesaron está “A síndrome de Casandra”, que explica como son recibidas as intervencións públicas das mulleres á luz do mito. “Ténselle repetido a xeracións e xeracións de mulleres que son fantasiosas, manipuladoras, maliciosas, conspiradoras, conxenitamente mentireiras ou todo á vez”. E incide na ira con que son recibidas estas intervencións. Esta recepción negativa que cuestiona por defecto as intervencións das mulleres, ten que estar relacionada co feito de que, como escribe Mary Beard en “Mulleres e poder. Un manifesto” (a tradución é de María Alonso), a voz pública non só non lle foi outorgada historicamente ás mulleres, senón que desde a antigüidade clásica considerábase que a capacidade de se expresar en público era “prácticas e habilidades exclusivas que definían a masculinidade como xénero”.  E engade que, daquela, os homes das elites eran “vir bonus dicendi peritus” (varón honrado experto no falar).

Mary Beard parte desde a literatura clásica greco-romana e chega ao noso presente en que Internet se converte nun novo espazo para acoller a actualización do mito de Casandra. As mulleres que nos expresamos publicamente recoñecémonos nas súas páxinas, porque comprobamos como son recibidos os nosos artigos e como, ás veces oculto nun pseudónimo ou no anonimato, hai quen dedica o seu tempo a cuestionar as nosas palabras, mesmo cando din estar de acordo. Desde o paternalismo ao insulto, cada vez que escribimos procuran que as nosas afirmacións teñan o eco das profecías de Casandra, sen se decatar de que na súa intención, vai implícito o seu descrédito.

Comentarios