Opinión

Cartas açorianas (VI). O tempo a aboiar.

Cartas açorianas (VI). O tempo a aboiar.

 Quando te escrevo é como se falasse contigo e estivesses, de algum modo, mais perto de mim”, Cartas portuguesas.

Leo as Cartas portuguesas, tradución de Eugénio de Andrade, que trouxen de Ponte Delgada naquel verán e atopo as palabras que explican por que escribir estoutras: rabuñar na memoria e manter viva a luz das illas.

Regresamos de Ponta Delgada con queixo, ananás, té, libros e o desexo de voltar. Así que, a penas un ano despois, voamos cara a Horta, a capital da illa do Faial, de camiño á illa de Pico. A viaxe fíxose longa de máis: abusos nos prezos dos aeroportos, calor, atrasos e un hotel en que tardaron en comprobar que si tiñamos reserva. 

Mais finalmente saímos ás rúas inzadas de vida e de xente que estaba, naquelas datas de inicios de agosto, a celebrar a Semana do Mar. Ese bulicio que tal vez fixo saír da casa sen permiso á meniña de María Teresa Horta.

Percorremos Horta dun extremo a outro sen despegar a vista do mar. Topamos xa cos primeiros emigrantes que volvían coas festas para demostrar o ben que lles ía co soño americano

Percorremos Horta dun extremo a outro sen despegar a vista do mar. Topamos xa cos primeiros emigrantes que volvían coas festas para demostrar o ben que lles ía co soño americano. E como en calquera festa, atopamos o primeiro coñecido, saudámonos e intercambiamos datos para xuntarnos nos días posteriores.

De regreso ao hotel, recalamos no Café Sport do Peter, ese que eu chamaría taboleiro de mensaxes do Atlántico. Alí, nas paredes ou no teito hai notas e máis notas: alguén que busca pasaxe, traballo… calquera información que poida precisar quen atravesa o océano. Un taboleiro semellante era o propio porto. Cada barco que chegaba pintaba no muro de contención o seu nome e a data en que arribara. En días posteriores fomos seguindo aquel itinerario de atraques até dar mesmo cun barco da Guarda.

Mais o noso destino era Pico, en primeiro lugar. Así que, o 5 de agosto de 2008, no ferri Cruceiro do Canal, chegamos a Magdalena e comprobamos xa as dificultades para conseguir un coche de aluguer. Pico ofreceunos as súas rochas negras e a lentitude, a mansedume do tempo a aboiar coma as propias nubes que rodean o cume do monte que dá nome á illa e que, sorprendentemente, é o máis alto da República portuguesa. Mide máis de dous mil trescentos metros de altura. Véndoo desde a base, rodeado de nubes e sabendo que é o que queda dun volcán, a viaxeira pensa que é de alí de onde sae o famoso “anticiclón dos Açores”, coma se o monte fose unha cheminea xigantesca a expulsar nubes de calor que viaxan sobre a Terra.

A “ilha do Pico, terra de pastos, de vinhedos, de barcos de baleação” (Judite Jorge , Afectos da alma)

Sempre digo que son os libros os que nos atopan. Así me sucedeu un día de mediados de agosto na Bertrand de Braga. Cunha intuición que non podía calcular botei man de Afectos da alma, a primeira novela de Judite Jorge. Nada sabía do libro, mais volvín con el para casa. Cando o lin namorei do relato e co tempo vin comprobar que é un retrato fiel das xentes do Pico, a illa á que, cando comprei e lin a novela, non imaxinaba que viaxaría un día.

A viaxeira pensa que é de alí de onde sae o famoso “anticiclón dos Açores”, coma se o monte fose unha cheminea xigantesca a expulsar nubes de calor que viaxan sobre a Terra

En Afectos da alma a soidade é a protagonista absoluta, como unha transposición da soidade das illas. A soidade dunha muller, dunha emigrante que un día atravesou o Atlántico cara a América do Norte, unha traballadora que pasou a vida a aforrar. A soidade de quen tiña na relixión unha razón para vivir e asumiu a súa vida sen se rebelar contra dela. Como advirte a autora na contracapa, a novela inspírase en feitos reais acontecidos na localidade en que naceu. A protagonista, Maria Polley, existiu realmente e realmente entregou os seus aforros para construír unha ermida en Pedras Negras, á que só retornou unha vez. No texto, a autora coloca estas coplas que dan conta dos feitos de María:

“Cedo partiu coitada, 

Em cata de vida melhor.

E em labuta esfaldada

Pelo altar do seu suor.

Quis esta terra brindar

Com graça que vem dos céus,

À virgem senhora fez altar

E grande favor aos seus.”

A emigración, un dos temas máis importantes e dolorosos para as e os açorianos. Outro trazo que une os nosos pobos. Como en Gente feliz com lágrimas, a emigración relatada desde a proximidade biográfica. João de Melo creou a ficción a partir da propia experiencia, Judite Jorge a partir de feitos sucedidos “bastante tempo antes de eu nascer, de modo que nunca a conheci… A sua lenda acompanha-me desde sempre como um conto de embalar. Há muito sonhava escrever a sua história…”. A emigración que deixa a súa pegada nas portas das casas en que ás veces ondean dúas bandeiras: a dos Açores, branca e amarela, e a do país en que os donos están emigrados: Estados Unidos e Canadá maioritariamente. Rara vez a bandeira portuguesa está nesas portas açorianas. Para dentro delas, talvez haxa un Francisco Homem que, como en Afectos da alma, cante o Fado do Emigrante: 

“Para terras distantes

Em breves instantes

Eu vou abalar”

Na miña memoria Pico é o tempo a deterse. A naturalidade coa que a muller que nos atende di que se acabaron os refrescos e que non haberá máis até que volva o barco. Facernos agardar porque o cuarto aínda non está preparado no principio da tarde. Ou contemplar como descargan un barco mentres agardamos dúas horas a que nos sirvan a cea… “Os senhores estão de férias”. Si e acabamos de atopar un lugar en que o tempo aboia líquido ou gasoso, con forma de mar ou nube, brillante e plácido como as vacas marelas que pacen ao pé do volcán, desinteresadas nos perigos que non queren crer os turistas que ousan subir ao seu cume. 

Construír rutinas coma quen permanece e afacerse aos cafés no límite da praia. Volver á caseta de madeira fronte ao mar en que ceaches onte e mesmo bautizar o local cun nome ao noso xeito (“A de Remedios”).

E renderse ao pracer de nadar nas piscinas de auga de mar a rente do océano. Entregarse á contemplación da inmersión lenta e calculada dos enormes cachalotes, pegados á pequena embarcación, sen pensar en canta auga hai baixo os nosos pés. Mais tamén sentir unha punzada de dor ante a imaxe da barbarie… 

“…à perseguição selvagem ainda feita a estes animais, …, juntem a todos os outros o meu grito de homem de mar: -Parem com isso!” Nun’ Álvares de Mendoça, Memórias de um baleeiro.

Marta Dacosta, decembro 2016.

Comentarios