Opinión

Cartas açorianas (IV). As Briandas do Arquipélago.

“E as Ilhas, como as pérolas do manto,
Nymphas dispersas na fluidez das aguas,”

Así describe Teófilo Braga as illas no seu poema "A infancia de Homero" (Torrentes, 1869). Aínda que a obra nos fale de illas mediterráneas, non podo deixar de pensar que se inspirou no seu lar natal e que, cando describe o Vesubio, está a describir o mesmo Pico das Camarinhas:

“Como de uma cratéra que rebenta,
No ár se espalha o sulphuroso fumo,
Candente a lava até ao mar escorre,
Luar incerto a labareda offusca”

Mais Teófilo Braga talvez sexa máis lembrado como historiador e político, de feito foi presidente da República portuguesa dúas veces, en 1910 e 1915. Era coetáneo de Antero de Quental, ambos os dous nacidos en Ponta Delgada. Saraiva e Lopes, naquela Historia da literatura portuguesa que era para o alumnado de Pilar Vázquez Cuesta en Compostela a biblia sobre literatura portuguesa (que eu aínda consulto), sitúan a ambos os dous micaelenses no “vago e sincrético movimento republicano-socialista” que, a partir de 1872, escíndese: “Antero, proudhoniano, prega a abstenção política da classe operária. Teófilo Braga fica com aqueles que defendem a primazia dos problemas políticos sobre os sociais e a necessidade da liquidação prévia do regime monárquico”.

Quen visite Ponta Delgada non atopará nas súas rúas e prazas tantas referencias a Braga, a penas unha estatua no acceso ao museo militar, como a Antero de Quental, quen, dalgún xeito, poderiamos dicir que resume o orgullo que os habitantes das illas senten ao saber que elas son berce de persoas de grande relevo: “E bastaria o nome de Antero de Quental para firmar uma alta contribuição dos Açores para o pensamento português.” Escribe Vitorino Nemésio (“Corsario das ilhas”, Vitorino Nemésio. Estudo e antologia, 1986).

Desde os anos daqueles “republicanos socialistas” aos nosos días, moitos teñen sido os acontecementos políticos. Cando eu percorría as rúas de Ponta Delgada, ao pasar por algún dos edificios gobernamentais non podía evitar preguntarme en que lugar daquel paraíso se terían reunido uns anos antes aqueles que decretaron a invasión de Irak, escribindo así algunha das pasaxes máis negras da historia das illas. Eu prefiro quedar con outras, páxinas como as que a seguir refiro.

Cando eu percorría as rúas de Ponta Delgada, ao pasar por algún dos edificios gobernamentais non podía evitar preguntarme en que lugar daquel paraíso se terían reunido uns anos antes aqueles que decretaron a invasión de Irak

Certa noite lía divertida un poema de Nemésio, un poema que comeza… cunha chamada telefónica:
 

“Margarida e Natália falam-me de Lisboa, de urgência
Alta noite, dormindo em catalão, num salto as oiço
A perfídia extremista outorga carta de colónia às Ilhas

Os fios telefónicos, como fogo de lagoa, vibram,
Aquelas são das últimas Briandas do Arquipélago:
Uma pobre mulher com traços de fogo nos olhos
A outra, irada na alva beleza se excede.
Ambas me emprazam a tudo pelos gestos, nuvens, calhetas.”

Ao divertimento inicial seguiu a sorpresa e, finalmente, un interese intenso polo contexto real do poema ao ler estes versos:

“As furnas são nossas.
As pipas do vinho são nossas,
As carroças do peixinho nossas,
O leite das tetas que ordenhamos,
As pontas com poucos faróis,
Os caminhos seculares mal calçados.
Os chafarizes com um tapete de bosta quente cheiram bem.
Vamos revoltar as ilhas: eu tenho lá ossos de pai e mãe
Sujo seria se não acudisse ao chamamento”

Nemésio escribiu ao final do poema: Barcelona (“dormindo en catalão”), 31/03/1976. Luiz Fagundez Duarte, editor das obras completas de Nemésio, recolle nas notas aos poemas que este fai referencia a un telefonema realizado por Natália Correia en que ela e Margarida Vitória reclamaban o regreso do poeta para asistir a unha reunión con Ramalho Eanes en tratar sobre o futuro político dos Açores. Aquí, convén lembrar que Nemésio creara o termo “açorianindade”: “Como homens, estamos soldados historicamente ao povo de onde viemos e enraizados pelo habitat a uns montes de lava que soltam da própria entranha uma substância que nos penetra. A geografia, para nós, vale outro tanto como a história, e não é debalde que as nossas recordações escritas inserem uns cinquenta por cento de relatos de sismos e enchentes. Como as sereias temos uma dupla natureza: somos de carne e pedra. Os nossos ossos mergulham no mar.” (Ínsula, 1932).

"Como as sereias temos uma dupla natureza: somos de carne e pedra. Os nossos ossos mergulham no mar.” (Ínsula, 1932)

Mais, quen eran elas, as “últimas Briandas do Arquipélago”? Margarida Vitória, amor do poeta Vitorino Nemésio na altura, conta na súa autobiografía Amores da Cadela “Pura”. Confissões da Marquesa de Jácome Correia que pertenceu a un movemento independentista açoriano que tiña como local de reunión a súa propia casa. Xustamente nalgunha desas reunións se tería considerado propor a Nemésio como presidente dunha posíbel República dos Açores.

Natália Correia, poeta micaelense, autora do Himno dos Açores en que podemos ler: “Para a frente! Em comunhão, //pela nossa autonomia”, entre outros versos, é xa un nome coñecido para nós galegas e galegos. 

De Natália Correia, na illa do seu nacemento, San Miguel, tan só lembro unha fotografía e algún libro nalgún dos museos etnográficos que visitamos. A penas nada máis. Para min, para alén da súa obra, é importante resaltar que foi a editora das Novas cartas portuguesas, máis coñecido polo libro das tres Marías: María Isabel Barreno, María Teresa Horta e María Velho da Costa, tres mulleres que revolucionaron a literatura portuguesa máis alá do que podía soportar. Era o ano 1973 e a ditadura de Marcelo Caetano perseguiu unha obra que consideraba de ‘conteúdo insanavelmente pornográfico e atentatório da moral pública’. As autoras foron interrogadas pola PIDE e mesmo se ía seguir contra delas un xuízo, que foi interrompido definitivamente polo 25 de abril. Natália Correia, procesada tamén na súa calidade de editora, foi presionada para mutilar a obra, mais negouse e a primeira edición foi secuestrada a penas tres días despois de ver a luz. Mais Correia xa sabía dos rigores da censura. Uns anos antes, en 1966, fora condenada a tres anos de prisión (pena suspendida) por editar Antologia da Poesia Portuguesa Erótica e Satírica. Desta antoloxía existe unha edición de 1999 en que se dá conta de que tivo dúas edicións en a penas 3 meses e se di: “esta Antologia é um documento mental revelando-nos como a liberdade de expressão se foi alterando ao longo dos séculos, e não necessariamente no sentido progressivo que poderíamos conceber”. Naqueles anos que van de 1966 a 1973, Natália Correia escribía versos coma estes:

Teu amor de planta submarina 
procura um húmido lugar. 
Sabiamente preencho a piscina 
que te dê o hábito de afogar. (O Vinho e a Lira, 1969)

O que hoxe lemos sobre ela devólvenos a imaxe dunha muller combativa que soubo pór o dedo sobre a chaga. Chegou ser parlamentaria en 1980 e entre as súas intervención lémbrase a realizada nun debate sobre o aborto. E paga a pena demorarse neste punto. Ler algún dos argumentos cos que Natália Correia defendeu a súa posición no contexto dunha sociedade católica que impón o seu concepto de vida: “… para mim respeitá-la (a vida) é, em primeiro lugar, combater a fome, a alienação, os massacres, as guerras e a institucionalização do pesadelo nuclear que ameaça ceifar milhões de vidas”. E engade: “E não me escuso a dizer que os que não são capazes de mudar uma sociedade em que a asfíxia económica é, quantas vezes, causa do recurso infortunado ao aborto, não têm qualquer espécie de autoridade para legalmente o penalizarem”. Afirmacións como estas, que aínda hoxe poderiamos realizar, foron ditas un 11 de novembro de 1982, sendo primeiro ministro Pinto Balsemão. A lei do aborto sería aprobada en Portugal en 2007.

Uns anos antes, en 1966, Natália Correia fora condenada a tres anos de prisión (pena suspendida) por editar Antologia da Poesia Portuguesa Erótica e Satírica

Natália Correia, era, porén, deputada do Partido Popular Democrático (logo independente polo Partido Renovador Democrático, de 1987 a 1991), o que para min é mostra dunha grande contradición que choca coa súa actuación como editora ou coas posicións que como vimos mantivo sobre o aborto, ou aínda sobre a propia condición da muller, como comprobamos ao ler outras afirmacións súas realizadas na altura de 1983: “Acho que a missão da mulher é assombrar, espantar.”, ou: “Acho que não vale a pena a mulher libertar-se para imitar os padrões patristas que nos têm regido até hoje”. 

Lembrando as estatuas de Ponta Delgada dei en falar de política e de historia dos Açores, unha historia que ten páxinas que, a nós, galegas e galegos, arríncannos un sorriso ou unha imaxe, como a que eu tirei ante esta placa que di: “Ao valor dos terceirenses que em luta heroica aquí venceram e expulsaram o invasor estrangeiro no dia de 25 de julho de 1581” unha data simbólica para festexar a expulsión dun estranxeiro común, pois este monumento é o da Batalha da Salga que, na ilha de Terceira, celebra a expulsión dos españois.

Debeu ser dura a batalha contra o exército invasor de Filipe II, mais os españois toparon con Brianda Pereira (e aquí resolvemos o motivo de chamar Vitorino “Briandas” a Margarida e a Natália), unha especie de María Pita que encoraxou os terceirenses contra os españois, aos que acabaron vencendo empregando o gando na batalha. Ironías da historia, os españois foron vencidos polos touros nas afastadas terras açorianas, campo de batalha contra o colonizador. Foi entón, no ano seguinte, 1582, cando o gobernador de Terceira, Ciprião de Figueiredo, lle escribiría a Filipe II: “Antes morrer livres que em paz sujeitos”, frase que se convertería en divisa dos Açores.

O sol andou no ceo e xa é mediodía, unha hora óptima para terracear no Largo da Matriz e ir xantar á Adega Regional unhas lapas e un tubarão grelhado, quen sabe se, aínda, servidos por Mister Bean.

Marta Dacosta, xullo de 2016.

Comentarios