Opinión

Cartas açorianas (I): Rumbo á terra de Antero de Quental

“Uma província remota e imersa no seu plácido sono histórico”, Antero de Quental

“… o murmúrio desse povo errante que desliza, cantado às vezes pelo silêncio dos seus poetas”, João de Melo, Gente feliz com lágrimas

Durante moito tempo tentei viaxar aos Açores. Por algún motivo, devecía por coñecer o arquipélago. O magnetismo da terra a aboiar no centro do océano? Talvez. Antes de realizar a viaxe real, comecei, como diría aquel profesor de grego, a viaxe imaxinaria. O primeiro contacto debeu ser a través do romance Afectos da alma, a obra máis coñecida da xornalista Judite Jorge, açoriana da Ilha do Pico que converteu en literatura a historia de Maria Polley, unha muller emigrada nos Estados Unidos. Non lembro cando lin o romance, mais si lembro que non comprendín a dimensión do tema da emigración que nel se trata até anos máis tarde, despois de ter viaxado ás illas.

En 2007 conseguín viaxar por primeira vez. O destino, a Ilha de São Miguel, a máis grande en extensión e a que acolle o goberno das illas e a capital do arquipélago: Ponta Delgada. Nos días previos botei man do libro Primaveras românticas de Antero de Quental, logo descubriría que o autor está moi presente nas rúas de Ponta Delgada.

Marta Dacosta nos Azores

Antero de Quental foi considerado por Pessoa o ponto de partida "da transformação literária, representada por um rompimento com as tradições literárias portuguesas". Primaveras românticas é un conxunto de poemas escritos durante os anos de estudante en Coimbra (1856-1866), anos en que Antero de Quental foi elemento principal dunha xeración da que sairían intelectuais e políticos de renome "Chegando a chamar-se a sua casa o "Cenáculo" (Nuno Júdice, Prefácio). O autor sente a necesidade de xustificar a publicación destes poemas de mocidade con estas palabras: "não me envergonho de ter sido moço. Ter sido moço é ter sido ignorante, mas inocente."

“Uma província remota e imersa no seu plácido sono histórico” así describe Antero a súa illa natal de São Miguel

Aqueles anos en Coimbra foron dunha transcendental importancia: "O facto mais importante da minha vida durante aqueles anos, e provavelmente o mais decisivo dela, foi a espécie de revolução intelectual e moral que em mim se deu, ao sair, pobre criança arrancada ao viver quase patriarcal de uma província remota e imersa no seu plácido sono histórico, para o meio da irrespeitosa agitação intelectual de um centro, onde mais ou menos vinham repercutir-se as encontradas correntes do espírito moderno." (Carta de Antero de Quental a José e Alberto Sampaio, 1863)

“Uma província remota e imersa no seu plácido sono histórico” así describe Antero a súa illa natal de São Miguel. Remotas e durmidas, talvez sexan dous cualificativos que poidan definir aquelas terras, ou sobre todo, o destino dos seus moradores. Os Açores, un paraíso convertido en despensa e parada obrigada das viaxes trasatlánticas, acabou por ser terra de pobreza para os seus habitantes que buscaron o camiño da emigración, ansiosos de emular a vida daqueles americanos que viñan buscar os trofeos da caza dos cachalotes. Mais isto, fómolo descubrindo día a día.

A illa foise convertendo ao longo dos séculos en despensa atlántica para os barcos que comunicaban Europa e América

A primeira impresión foi dunha grande sorpresa. São Miguel mostrábase como un extenso pasto, unha illa habitada de mandas de vacas que pacían alleas ao mar circundante. Altos cumes redondeados e sebes de hortensias azuis eran a carta de presentación. São Miguel semellaba un continente no que cabía a cría de gando para carne, a produción de ricos e variados queixos, o cultivo do té, ou o aproveitamento de lapas e quenllas, sabedoramente servidas á mesa. Non era esa a paisaxe que agardabamos nunha illa de orixe volcánica, mais a fertilidade da terra e o devir histórico explican esta realidade. A illa foise convertendo ao longo dos séculos en despensa atlántica para os barcos que comunicaban Europa e América. Mesmo houbo un tempo en que o cultivo dos cítricos foi moi importante (a necesidade de combater o escorbuto), mais sucumbiron a unha praga e pasaron a ser substituídos polo té. Porén non é o té açoriano o que consumimos nos cafés portugueses, polas contradicións da globalización, a comercialización do té de São Miguel non consegue competir, no seu propio estado, co doutros territorios máis distantes.

O que non sabemos cando visitamos a illa e admiramos os seus extensos pastos, é que estes tamén son produto da política salazarista, que intensificou a explotación gandeira. Cóntanolo João de Melo, açoriano da Ilha de São Miguel, na súa epopea Gente feliz com lágrimas, poñendo a falar ao pregoeiro: “Ó meus senhores! Pois manda Salazar, que nos governa de Lisboa, anunciar ao povo que os terrenos baldios do Mato deixarão de ser terra de ninguém e se desmoitarão para que sejam convertidos em pastagem para as reses. Esse Mato do Povo será servido por caminhos de cascalho, abrigos públicos, casa de cantoneiros e postos de recolha de leite. Virão as máquinas, haverá contratas para todos e Deus dará longa vida a quem nos governa. Viva o senhor Salazar!” Política colonialista, aplicada unha e outra vez nas illas atlánticas, illas en que o sentimento de identidade diferenciada está presente, como poden comprobar as e os viaxeiros e testemuña unha anécdota vivida por nós.

Política colonialista, aplicada unha e outra vez nas illas atlánticas, illas en que o sentimento de identidade diferenciada está presente

Certo día, agardabamos para embarcar na excursión contratada. Os donos das zodiascs estaban a organizarnos en dous grupos. Un deles de españois. Foi entón cando nos preguntaron, case afirmando: espanhois? E nós negamos: Não, nós não somos espanhois, somos galegos. O home mirou cara ao horizonte. Entón deu un paso atrás e volveuse: Mas eu sou açoriano!

E así aos poucos fomos descubrindo un pobo que, malia a distancia, ten certa semellanza con nós. Un pobo que se quere soberano e que padece o illamento, que ten mitificado a metrópole centralista e que, ás veces, tamén é vítima do autoodio, do desprezo á súa lingua …

Mais disto falaremos na seguinte carta.

Comentarios