Opinión

Carta á conselleira

Sra Conselleira:

Acabo de recibir a súa carta. Por cortesía, agradézolle o intento, mais as palabras, xa sabe, lévaas o vento.

Se verdadeiramente quere darme as grazas, pode facelo mesmo en persoa, como vostede di. É sinxelo.

Para comezar, pode reunirse coas persoas que me representan, delegadas e delegados sindicais que eu e os restantes docentes eliximos. Cando fala coas organizacións sindicais está a falar con nós, comigo.

A seguir, atenda as nosas demandas. Non nos manteña na incertidume, é indigno. Por exemplo, diga que pasa coas oposicións. Son miles de profesores e profesoras os que agardan a saber que vai suceder. A mesma preocupación e sensibilidade que parecen ter co alumando, flexibilidade, atención, non avanzar materia, contidos non avaliábeis e, por que non, tamén cariño, téñaa vostede coas persoas que traballan na Consellaría que dirixe.

Non quero esquecerme da fenda dixital. Debería saber que neste país noso, a internet é un servizo deficiente e caro. O alumnado, e o profesorado tamén, está a sufrir esta situación. Téñao en conta, cando nos fala das aulas telemáticas.

E pouco máis, non quero roubarlle tempo, supoño que, coma nós, viu incrementada a súa carga de traballo. Porque nós estamos a traballar máis, improvisando e estudando ao mesmo tempo como vencer esta situación, adaptándonos tamén, aprendendo. É a nosa obriga, aceptámola mesmo con gusto, aínda que non sempre nos sintamos recoñecidos. O noso traballo non é esencial, ninguén vai a aplaudirnos, nin facer un meme solidario, nin sequera van reconsiderar devolvernos os dereitos que nos furtaron.

Remato. Mire se considera vostede o noso traballo que, na Consellaría que vostede administra, non se van substituír as persoas que collan baixa e eu pregúntolle, a que se debe? Porque nós estamos traballando... quere dicir que se enfermamos temos que traballar igual ou que o que nós facemos non vale para nada e por iso non fai falta que ninguén nos substitúa?

En fin, saúdos e fale vostede, pero fale cos sindicatos.

Comentarios