sábado 24/10/20

Candidata

Aínda hai que sachar moito. Moito non, moitísimo. Mais o rego vai encetado, e abre coa suor de xeracións de mulleres que non claudicaron.

Podermos dicir que temos unha candidata ou unha presidenta é unha afirmación cun dobre significado. Por un lado supón un paso máis cara ao espazo que nos corresponde, cara á normalización necesaria. O poder, esencialmente masculino, tamén está ao alcance das mulleres, mulleres que, como vimos desde que comezou a pandemia, son moitas veces a cara dunha nova maneira de gobernar, ao fin e ao cabo teñen outro punto de vista da realidade, o feito de seren nenas marcou a súa educación, na súa mochila levan a mesma complexidade da vida, atrincheirada en cada obstáculo que tiveron que vencer, simplemente por ser mulleres, até chegar onde están. Por outro segue a ser unha anécdota, unha entre moitos, moitísimos, a excepción que ocupa as páxinas da información por selo, mais tan poucas veces que de certo nin nosoutras sabemos dela, a pesar de ansiar fornecernos de exemplos.

E unha aclaración. Non é a saia a que fai a muller. Non é o aspecto o que nos define. Mulleres hai nese espazo político que en nada se diferencian dos homes, porque gobernan coma eles. A candidata ou a presidenta é muller cando actúa como tal, cando muda as políticas do patriarcado: desigualdade, explotación, capitalismo.

Hoxe é xornada de reflexión e eu estou expectante. Hoxe é o día en que os medios nos ofrecen as imaxes das persoas candidatas fóra da campaña. Candidatos facendo deporte, lendo, paseando coa familia, descansando coas amizades. Como serán as imaxes deste ano? Unha das candidatas é nai dunha bebé, como xa vimos nas redes pode suceder que os labores da maternidade ou do fogar cheguen á xornada de reflexión, será así? O caso é que xa nalgún medio apareceron os candidatos cos fillos, unha imaxe pouco habitual que me atrevo a dicir que está motivada pola candidata mellor valorada nas enquisas. Velaí o primeiro cambio, a certeza de que todo pode mudar.

comentarios