Opinión

A calada por resposta

Neste mes de abril, o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas publicou tres informes en que analiza as situacións das linguas do Reino Unido, a República eslovaca e o Estado español. Neste mesmo xornal puidemos ler esta semana un resumo das conclusións e tamén a valoración dalgúns docentes sobre a situación da lingua entre os máis novos. A Mesa faise eco do informe e reclama da Xunta e do Estado diálogo e acatamento das recomendacións do Comité. A CIG-Ensino demanda a derrogación do Decreto en vigor, norma legal que sustenta as limitacións ao uso da lingua que o Comité insta a eliminar: “Recomendación para unha acción inmediata: a. Eliminar as limitacións do ensino en galego en todos os niveis educativos”. A Xunta cala, tanto que, se non houbese esoutras informacións que cito, podería pensarse que o tal informe non existe, que ninguén fixo recomendación ningunha. Coma quen que o galego vai ben.

Ademais, o informe recomenda que se “adopten medidas inmediatas para a protección” do galego en Castela e León e Estremadura, e que se desenvolva “unha política estruturada para a protección da lingua” na zona Eo-Navia.

Se nos comparamos cos outros territorios do Estado con lingua propia comprobaremos que só para o galego e o valenciano se recollen recomendacións para o ensino, “grazas” a contarmos con decretos “plurilingües” que botaron man dunha terceira lingua para limitar, reducir e mesmo prohibir o uso da nosa lingua propia. 

Isto respecto do ensino. Mais o Comité de expertos, tanto para o vasco, coma o catalán ou o galego insiste en que se modifique a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso das linguas propias na xustiza, ao tempo que recomenda o seu uso na administración estatal dos diferentes territorios.

Este informe atinxe tamén á administración do Estado, en tanto  que asinante da Carta europea (lembremos, pola man de Aznar). Fixo o Estado algunha valoración? Corríxanme se erro. Fixo a mesma valoración cá Xunta, deu a calada por resposta.

Comentarios