Opinión

Beatería capitalista

Unha vez máis escoitáronse as voces beatas que clamaban contra a imaxe do corpo das mulleres. Desta volta foi en Baiona, tras a colocación da exposición de fotografía “Corpos, Feminismo e Territorios” de Alexandre Folgoso, pola Concellaría de Igualdade. Primeiro foi o PP local quen esixiu a retirada. Na exposición dos seus argumentos comprobouse a importancia dos lentes ultraconfesionais cos que observan o mundo. Queixábanse de que determinados símbolos relixiosos aparecesen en lugares concretos dos corpos das mulleres, e de que ademais se poidan ler frases explícitas sobre os órganos sexuais. Tamén a asociación de viúvas ou a Asociación Española de Avogados Cristianos insistiron nos mesmos termos. Declararon estes últimos que a mostra “supón un ataque aos sentimentos cristiáns” ou que as imaxes son unha “vexación para as mulleres católicas”.

É a mesma vella actitude que na Idade Moderna colocou o corpo da muller no poldro de tortura para lembrarnos que o noso útero non é noso, que forma parte da maquinaria capitalista de alienación e produción de man de obra escrava. Son as voces dos mesmos que claman contra a regulación do aborto, a anticoncepción e a educación sexual.

Lémbrannos que non somos donas do noso corpo, que nin sequera somos libres, que soamente somos parte dunha engrenaxe que non pode parar de producir, e que o noso lugar está na familia, na familia segundo o seu modelo: aquela en que a muller é o apoio do home traballador e ten por cometido único ser coidadora de descendentes, a futura man de obra, e ascendentes, os escravos inservíbeis.

Os mesmos beatos que ocultaron o noso corpo baixo hábitos e veos, mentres se deleitaban na voluptuosidade dos músculos espidos de Xesús ou San Lourenzo.
É o retorno da inquisición, que hoxe reclama que pechemos os ollos, como noutrora queimou a quen coñecía e compartía os segredos da anticoncepción e o aborto. A que se dirixe ao alcalde, nun acto de non recoñecemento da autoridade da concelleira, unha muller.

Comentarios