Opinión

Auria

Nestas datas en que procuramos desordenar as rutinas, eu decidín recalar en Ourense e, deste xeito, destinar unha mañá a coñecer o seu patrimonio artístico e cultural. Como agora facemos, procurei información en Google do destino que seleccionei, o Museo Arqueolóxico. O motor de busca levoume á páxina oficial do museo aloxada no portal “museos.xunta.gal” mais alí non atopei información de que o museo leva anos pechado e sen abrir as súas portas ao público. Foron a traballadora que me atendeu no teléfono, primeiro, e o guía do Claustro de San Francisco, despois, quen nos informaron de tal infortunio. Por sorte para nós existe o premio de consolación de visitar a “Escolma de Esculturas” que nos permite realizar unha viaxe no tempo entre o século I a.C. e o XVI, polo menos, e marabillarnos non só do patrimonio escultórico alí recollido, senón da calidade dalgunha das pezas expostas, merecedoras de ocupar páxinas nos libros de historia en que estudamos, libros que nos falaron de artistas afastados coma Gregorio Fernández ou Churriguera, mais nada nos dixeron de Francisco de Moure, talvez cunha obra máis numerosa e imporante, e as vicisitudes dalgunha das súas pezas máis senlleiras.

Vou ás hemerotecas para documentar a información e comprobo que o Museo Arqueolóxico non está aberto ao público desde inicios deste século en que foi pechado para rehabilitar o edificio. Máis de dúas décadas fechado. Un edificio de titularidade estatal e xestión da Xunta de Galicia. Un museo que o historiador Íñigo Mouzo define como “un dos museos máis importantes de Galicia”, “pola súa historia, os seus fondos e a súa localización”.

Parece que a combinación nefasta dunha posíbel tensión entre as administracións estatal e galega, propietaria a primeira, xestora a segunda, xunto coa inadecuación dalgún proxecto de reforma e o achado de novos restos, deron lugar á tormenta perfecta que mantén clausurado este espazo patrimonial. Haberá causas que expliquen, mais a realidade é que, como dixo Julio Rodríguez González: “Ourense necesita que o Museo Arqueolóxico reabra as súas portas de novo ao público”. A cousa é que esta frase pertence a unha entrevista que ao entón Director do Museo lle fixo o Faro de Vigo en ... 2011!

En abril de 2023 o Museo segue fechado por obras e a Escolma de Escultura, aberta en 2006, segue sendo o que o público xeral, as galegas, podemos visitar duns fondos que tanto agasallarían o noso orgullo identitario.

O que eu penso é que a Auria de Blanco Amor non merece estar no ollo desta tormenta e que non só Ourense, senón Galiza enteira, merece que o Museo reabra con urxencia as súas portas.

Mais o caso é que, flanqueando a Escolma de Escultura, imos atopar outros dous exemplos de neglixencia co noso patrimonio. A un lado o Arquivo Histórico de Ourense, rodeando o magnífico e inigualábel claustro de San Francisco, desde o que se poden asexar as súas salas rematadas e inauguradas polo Ministro de Cultura en setembro de 2022 e aínda pechadas, quen sabe se a agardar pola inauguración do cargo correspondente da Xunta de Galicia?

Do outro, o cemiterio de San Francisco, onde repousan os ósos de egrexios devanceiros que para seren visitados precisan, case, que fagamos unha ouixa se queremos localizar as súas lápidas, cando deberiamos poder acceder (no lugar ou na rede) a un plano que nos sinalase onde están enterrados. Tamén creo que, ao pé de cada tumba, debería figurar unha pequena información sobre a singularidade do persoeiro alí enterrado, para información de todos os visitantes.

Mais na actualidade a única información que sobre eles podemos ler está nunha parede da entrada, tan luxada como a propia icona de “información” e, polo tanto, ilexíbel. Seica houbo un tempo en que o panel podía lerse e mesmo existían folletos informativos. Mais iso foi outrora. Eu encomendeime de novo a Google e coa axuda das fotografías das tumbas que alí atopei, funme guiando polos corredores de terra e conseguín ver algunhas das que mási me interesaban. No extremo oposto á entrada, contra o muro exterior, Ben-Cho-Sey, no medio e máis ou menos próximas entre si as de Otero Pedrayo, Antón Tovar e o mausoleo de Lamas Carvajal, e nas proximidades do monumento aos fusilados tras o alzamento franquista,  Florentino López Cuevillas.

O que está máis próximo da entrada, torcendo á man dereita segundo se entra, e o primeiro que visitamos é Eduardo Blanco Amor que, de certo, non soñou este desleixo institucional para o patrimonio da súa querida Auria.

Comentarios