Opinión

Asociacións asfixiadas

Desde hai anos veño comprobando como asociacións e ONG son asfixiadas paulatinamente vía denegación de subvencións, conxelación ou minoración de axudas, eliminación de convenios ou apoio institucional, modificación das normas para xustificar os gastos dentro do mesmo exercicio, ou, sobre todo, aplicación de auditorías con normas restritivas, contraditorias cos acordos acadados coas institucións e, aínda por riba, non accesíbeis para seren coñecidas e aplicadas. As esforzadas persoas que levan as contas, tolean cos requirimentos e acaban por non entender nada de nada, agás que semella que existen miles de motivos, que se van descubrindo un atrás de outro, para non lles aceptar a documentación. E a conclusión final acaba por ser que estorban e a asfixia económica é o método máis efectivo para as desaparecer.

As moitas veces que me vin nesas situacións ou que as compartín con persoas próximas, concluín tamén que a privatización dos servizos que estas entidades ofrecen era o obxectivo. Por que? Pois porque se en lugar de realizar con medios propios e de maneira altruísta as actividades que se levan a termo, se contratase unha empresa, a factura desta sería aceptada con moitas menos dificultades que todo o papelame que as directivas van gardando para presentar antes do prazo de finalización que, mira ti, deixa fóra o derradeiro mes do ano.

O caso é que aplican ás pequenas entidades non institucionais, esas que están a cubrir de maneira dignísima un baldeiro inmenso en ámbitos coma o cultural ou o natural, un control exhaustivísimo que non sufriron os que vemos entrar na cadea, despois de longos procesos xudiciais e un notorio enriquecemento persoal.

No mundo asociativo e das ONG ninguén se fai rico, máis ben pérdese diñeiro, por non falar do tempo investido que ten un valor incalculábel. Mais os de arriba pisan cada vez máis forte coa súa bota feita de normas e contranormas até que mesmo conseguen a desaparición das entidades non lucrativas e as súas actividades.

Comentarios