Opinión

As vacinas

Dentro da ocupación informativa que acapara a pandemia, nas últimas semanas o subtema son as vacinas: marcas, efectividade, custes, atrasos nas entregas, protocolos, persoas que se saltan os protocolos, estados que sacan o talonario de cheques, contratos que se incumpren... É a nosa particular guerra mundial, a que corresponde a este século XXI, nesta distopía que xa non é porque está a suceder.

A situación era previsíbel. Á fin, nesta economía capitalista en que vivimos prevalece a lei da oferta e a demanda, e será quen pague máis e mellor quen consiga inmunizar os seus habitantes. Tanto é así que nada importan os pronunciamentos dos organismos internacionais como a ONU que chamou a que as vacinas fosen un ben público mundial.

Xustamente esas palabras foron o titular co que resumiron o plenario da trinta e unha sesión extraordinaria.

Nesa reunión que decorreu o pasado 3 de decembro, participaron cento cinco xefes de estado durante once horas ininterrompidas. Os chamamentos á solidariedade internacional, a facer da vacina un ben común humano ou a que se distribúa universalmente a prezos asequíbeis estiveron presentes en moitas intervencións. Mais avanzouse nesa dirección? Non, xusto na contraria, até o extremo de a Unión europea declarar que estaba a considerar impor medidas que restrinxisen a exportación das vacinas que se producen en Europa, ao transcender o incumprimento do contrato xa asinado e a exportación a Israel das vacinas.

Unha se pregunta de que nos serven estes organismos internacionais en que se fala tan ben e se acordan tan boas cousas se logo son as políticas económicas apátridas as que limitan os nosos destinos. As contradicións do sistema. Ou como sentir que son as palabras do presidente de Cuba as que nos dan voz nese alto organismo, pois foi el quen si dixo que cómpre “fortalecer os sistemas nacionais de saúde”, algo que resulta extremadamente evidente estes días de colapso, cando está en risco a nosa saúde, e non só por mor da pandemia.

Comentarios