Opinión

As uñas pintadas

A verdade é que cando as noticias chegan á sección de deportes, cambio de canle. Non porque non me guste o deporte, senón porque non me gusta o fútbol e, esa sección, adoita estar copada por el. Así que cambio.

As primeiras uñas pintadas de negro que vin foron as de Roberto Vilar. E gustoume. Gustoume que  levase as uñas pintadas de negro e que declarase a súa solidariedade co antirracismo e a homofobia. Gustoume o que fixo Borja Iglesias ao pintar as uñas e provocar que uns e outros, ao rexeitar ou apoiar o seu xesto, tirasen a máscara e se posicionasen claramente.

Aínda vin o rapaz falando no En xogo, e gocei da súa lingua galega falada con naturalidade, da espontaneidade e do sorriso mentres dicía que non ía cambiar o mundo coas súas uñas negras, mais si que era unha forma de el tomar conciencia e de provocar ao redor del unha reacción. Pois si. Digo eu, esa é a actitude. Porque a suma dos xestos crea ondadas que acompañan as reivindicacións e, cando eses xestos os realizan persoas que teñen os focos sobre si o impacto é inmenso e é efectivo.

Mais direi que, cando tiven toda a información sobre o xesto o meu primeiro pensamento foi: e se algo así se fixese para denunciar os feminicidios? E se cada vez que unha muller é asasinada, algo que acontece demasiadas veces e ao pé de nós, futbolistas, presentadores de “prime time”, conselleiros, ..., presidentes pintasen as uñas, digamos dun violeta rechamante? Sería potente ese xesto? Provocaría ondas de reaccións? Destaparía as facianas dos que caladamente se opoñen a que nos coloquemos na senda de rematar con esta lacra? Acho que si. Que un home coas uñas pintadas de violeta sería unha potente imaxe, toda unha declaración. E nas mulleres tamén, porque pintar as uñas, sexa da cor que sexa, aínda é interpretado hoxe como algo impropio pola mentalidade patriarcal das xeracións que nos trouxeron. E é por iso que ás veces as pinto, para molestar a inmobilidade machista de quen non me acepta como eu son, unha muller.

Comentarios