Opinión

As outras medallas

Os Xogos de Tokio talvez estean a acumular varios feitos inéditos, que poderían ser, algúns deles, as outras medallas que non adoitamos ter en conta. Hai varios nomes propios. Practicamente todos femininos. Evidentemente un deles é o de Ana Peleteiro, medalla de bronce á súa capacidade de resposta contra o racismo e na defensa do colectivo, recoñecendo o labor do seu equipo. Ou Teresa Portela, prata á continuidade, á demostración de que nin os anos, nin a maternidade son un impedimento para acadar os nosos soños. E Simone Biles, bronce pola reivindicación da saúde mental e a capacidade de pór sobre a mesa os custes dos esforzos que as e os deportistas deben afrontar para acadar determinados niveis. A súa naturalidade para falar sen eufemismos innecesarios do que significa a presión, algo que moitas persoas padecen dentro e fóra do deporte, cunha importante incidencia entre as mulleres, en que a somatización desa presión se traduce moitas veces en doenzas físicas, case incapacitantes, que non sempre son recoñecidas, nin debidamente valoradas pola medicina.

Mais hai outros nomes menos evidentes, como o de Seiko Hashimoto, patinadora e ciclista que entrou na organización dos Xogos Olímpicos en substitución dun home de idade avanzada e declaracións sexistas. A súa incorporación non só se traduciu na súa propia presenza, senón no incremento de mulleres nese comité, até duplicar a porcentaxe inicial, tal e como prometera. Un Comité en que figura a nadadora Naoko Imoto, asesora en temas de igualdade. Datos que, desde logo, non teñen a mesma transcendencia cós metais, malia non ser menos importantes. Porque estes xogos pasarán á historia por nos ofrecer competicións mixtas que fixeron saltar polos aires as previsións. Foi así nos relevos en atletismo ou natación, ou en tiro. Precisamente neste caso, a tiradora Fátima Gálvez salientou que o resultado, medalla de ouro, fora posíbel por poder formar un equipo mixto.

Para min, estas son as medallas que cómpre destacar.

Comentarios