Opinión

As letras

Hai que dicir que si, que acertaron. Que foron quen de nos poñer de acordo a moitas persoas. E iso queda no seu haber, ser quen de unificarnos no desencanto e na frustración. Iso acaba de conseguir a RAG.

Unha vez máis, desoíu as numerosas peticións que reclamaban prolongar a celebración de Carvalho Calero ao ano 2021, habida conta da excepcional situación que, sexamos realistas, fixo que a celebración deste ano nada tivese que ver coas que se realizaron nos anos precedentes. Tamén é mal fado que, despois de agardar tantos anos e votacións a que recibise a honra das letras o primeiro Catedrático de lingua galega na Universidade, sobrevivente do Partido Galeguista, fose cadrarlle este ano imposíbel que deveu nunha celebración fanada en todos os ámbitos.

Unha xa imaxinaba, con ese pesimismo que nace das derrotas diarias, que a RAG non atendería a proposta de prolongar o ano Carvalho Calero. Tamén imaxinaba que, para evitar as críticas, utilizaría o nomeamento dunha muller, a ser posíbel, unha autora que viñese sendo reclamada tamén socialmente, co que estarían en condicións de dicir que si atenderon as peticións da sociedade. E desa fórmula resulta o nomeamento de Xela Arias.

A receita para partirnos o corazón, especialmente ás persoas que coñecemos a Xela e seguimos a lembrala con afecto.

Así as cousas, conseguiron poñernos de acordo na desilusión que sentimos. Nin celebramos a Carvalho como é debido, nin celebraremos a Arias como ela tamén merece. Nos medios e nas redes, aumentan a cada pouco as voces que fan notar esta desfeita, poetas, editores, investigadoras e amigos de Xela coinciden neste diagnóstico negativo.

A RAG acaba de demostrar a súa incapacidade para dialogar co presente das letras. Semella un organismo esclerótico e insensíbel que se parapeta nunha tradición enfaixada que xa non conecta co pobo galego.

En palabras da propia Xela Arias, tomadas do seu derradeiro libro:

"Alienada morfoloxía dos deberes

tes por gloria a conquista do escaparate.”

Comentarios