mércores 28/10/20

As lecturas

“Estou relaxándome ao tempo que traballo”. Esa foi a miña resposta cando o colega preguntou que estaba facendo. Xa llo dixen a el, pode parecer contraditorio, mais é real.

Estaba lendo e o pracer da lectura non era o meu único obxectivo ao abrir aquela BD. Tamén quería coñecer o que parecía a priori unha boa proposta para o meu alumnado, ao que vou coñecer en breve.

As lecturas que figuran nas nosas programacións, chámense obrigatorias ou recomendadas, son por veces motivo de debate. Ao longo dos anos teño participado en varios: que se se abusa das traducións, que se non se recomendan clásicos, ou que si se recomendan e non gustan, que se non se le poesía... e que dicir do teatro.

Considero que cando se dan aulas de lingua e literatura ler debería cumprir o dobre obxectivo de repercutir positivamente sobre a disposición lectora da rapazada e dar a coñecer a literatura que se escribiu e se escribe en galego. Así que eu aposto pola literatura de noso, cada vez máis diversa, e pola variedade de xéneros, pois non só de prosa se alimenta a imaxinación. E por ofrecer unha proposta en que as autoras ocupen o espazo que lles corresponde, porque non sempre estamos  debidamente visíbeis nesas listaxes.

A miña experiencia é gratificante. Meses atrás, porque captei toda a atención da aula cando comecei contar de que ían os libros da listaxe e a contar o que me gustaba deles.

Hai xa décadas, porque o meu alumnado tiña que ler, polo menos, un libro de poesía e, aínda que ao principio reviraban o fociño, sucedeu que houbo quen descubriu que a poesía lle gustaba, agora que alguén lle pedía que a lese, e decidiu ler todos os títulos que lles presentara e deixar de lado a narración. Non é habitual. Mais pasa máis veces das que cremos, só hai que buscar o título axeitado.

Desde hai tres anos incorporei o teatro a esa rima de recomendacións imprescindíbeis. E aí seguimos. Tentando que a lectura sexa cada vez máis formativa e pracenteira ou máis gratificante e enriquecedora.

comentarios