Opinión

As fillas

Esta semana os xornais e as redes están inzados de referencias á última denuncia de maltrato, desta volta televisada. Leo os diferentes artigos, as reflexións das xornalistas, entro en cada enlace compartido e atopo, como non, os lugares comúns nas respostas que pretenden invisibilizar a teimuda realidade que segue a oprimirnos, sexamos quen sexamos, nenas, adultas, analfabetas, doutoras, pobres, ricas, anónimas, recoñecidas...

Nestes tempos en que as palabras negacionismo e negacionista sinalan con claridade unha actitude contraria á humanidade e á vida, talvez non estea de máis formular que esas mensaxes, esas opinións, os artigos que buscan matizar a contundencia da realidade son tamén negacionismo, o negacionismo do patriarcado que nos oculta, domina, somete, manipula e terxiversa unha e outra vez. Alguén necesita probas? É doado, que abra o xornal, poderá ler, por exemplo, as palabras que o exseleccionador nacional lle dirixiu no seu día a Vero Boquete: a ti o que che fai falta é un bo macho. Por certo, un retrouso que está vivo en moitas mentes masculinas, palabras que din á menor oportunidade de se saber apoiados.

Nos xornais tamén lemos esta semana sobre o aniversario do golpe de estado en Arxentina, un artigo de Luz Darriba que comeza dicindo: “morte ao pai” e fala das fillas dos xenocidas. E mentres escribo, penso que aínda queda este paso por dar para desarticular a totalidade das engrenaxes da violencia. Faltan as fillas, as que viviron a violencia contra a nai e pensaron que o mundo estaba feito de insultos, as que se sentiron culpábeis de cada discusión, as que foron utilizadas como mordaza ou grillón contra a nai. As que se saben motivo para negar e ocultar a realidade dos golpes e das bágoas durante anos e anos. As irmás de nenos golpeados e abusados. As que ofreceron un cuarto á nai, as que a acompañaron ao xulgado.

Aínda teñen que falar as fillas, mentres tanto, calquera declaración en calquera medio ou momento segue a ser imprescindíbel.

Comentarios