Opinión

Antonio Fernández

Coñezo o nome do pintor desde hai moito tempo, porque así se chama o colexio de Goián, a vila en que naceu e morreu. Mais non foi até estes días, con motivo da exposición Antonio Fernández, pintor de tres mundos organizada polo Concello de Tomiño, que vin por primeira vez algún dos seus cadros e entón fiquei profundamente abraiada. Abraiada porque coñecín un pintor dunha altísima calidade, mais que pasou completamente desapercibido para a meirande parte de nós, que nin leramos nada sobre este pintor até hoxe, nin viramos ningunha exposición sobre a súa obra. Un perfecto descoñecido, mais non por ser alguén alleo a nós ou distante.

Óleo de Antonio Fernández
photo_camera Óleo de Antonio Fernández

Coñezo o nome do pintor desde hai moito tempo, porque así se chama o colexio de Goián, a vila en que naceu e morreu. Mais non foi até estes días, con motivo da exposición Antonio Fernández, pintor de tres mundos organizada polo Concello de Tomiño, que vin por primeira vez algún dos seus cadros e entón fiquei profundamente abraiada. Abraiada porque coñecín un pintor dunha altísima calidade, mais que pasou completamente desapercibido para a meirande parte de nós, que nin leramos nada sobre este pintor até hoxe, nin viramos ningunha exposición sobre a súa obra. Un perfecto descoñecido, mais non por ser alguén alleo a nós ou distante.

"Abraiada porque coñecín un pintor dunha altísima calidade, mais que pasou completamente desapercibido para a meirande parte de nós"

Por iso escribo este artigo, para felicitar o concello de Tomiño por ter o acerto de declarar este 2013 ano do Pintor Antonio Fernández, instituíndo primeiro un certame de pintura e realizando despois esta magnífica exposición e ter encargado a Carlos López Bernárdez este traballo, do que temos nas mans un catálogo que nos aproxima á formación e á obra do pintor, sacándonos así da nosa ignorancia e tentando explicar o motivo polo que o nome de Antonio Fernández non acadou a altura doutros nomes de pintores galegos, cando a súa calidade é manifesta. Como nos explicaba na conferencia Antonio Fernández e a tradición da paisaxe, talvez por seguir cultivando unha estética que a mediados do século XX xa non era a predominante.

Porque nada hai máis satisfactorio que coñecerse e recoñecerse, sabermos quen somos, e descubrir que ao lado de nós existiu un pintor como Antonio Fernández. Estamos pois ante un acto de xustiza. Un acto imprescindíbel neste labor de recoñecemento da nosa identidade que aínda temos que transitar, hoxe polos camiños da pintura.

"Esta colonización cultural en que vivimos hoxe por hoxe aínda, somos quen de asentir ao recoñecemento da pintura de Antonio López e descoñecer que entre nós e hai xa anos existiu un pintor que supera, si, supera esa exactitude fotográfica"

E xusto é tamén felicitar a Carlos López Bernárdez polo traballo realizado, non só neste caso concreto, montando esta exposición e preparando este catálogo, senón tamén polo seu labor para dar a coñecer a obra de pintores de noso que aínda son para nós uns perfectos descoñecidos. Porque estes días tamén se pode visitar en Ferrol outra exposición comisariada por López Bernárdez, Imeldo Corral, paisaxista das Irmandades e no catálogo desta exposición podemos ler: “A comezos do século XX, moitos artistas galegos ven na pintura de paisaxe unha maneira de concibir a arte orientada por un proxecto de construción nacional. Así Ramón Otero Pedrayo entende que a paisaxe é o alicerce e o futuro do país e que para chegar á universalidade cómpre partirmos da galeguidade.”

Non sei se esta afirmación se pode aplicar á pintura de Antonio Fernández, coetáneo de Corral, pois Fernández viviu fóra de Galiza até 1929, con 37 anos, despois de ter partido aos 12 cara a Brasil. 

Nesta colonización cultural en que vivimos hoxe por hoxe aínda, somos quen de asentir ao recoñecemento da pintura de Antonio López, do que nos falan os magacines culturais dos xornais do Estado e descoñecer que entre nós e hai xa anos existiu un pintor que supera, si, supera esa exactitude fotográfica, ofrecéndonos imaxes naturalistas, mais desta volta da nosa propia paisaxe.

Convídovos a que vos acheguedes ao Centro Goianés antes do 20 de outubro e gocedes desta exposición. Aínda que a obra de Fernández tamén se pode visitar en diferentes museos, como o de Lugo, onde está o fermoso cadro dunha muller espida en que se autoretrata o propio pintor. Eu, pola miña parte, verei se consigo visitar a de Imeldo Corral na Fundación Novacaixagalicia en Ferrol e seguirei moi  atenta ao traballo de López Bernárdez porque quero saber máis da pintura de noso.

Marta Dacosta
Outubro de 2013

 

Comentarios