Opinión

Anfibia

Estaba escoitando a radio. Un naturalista falaba dos anfibios. De como son un sinal da saúde do mundo que habitamos. Por exemplo, os limpafontes, que non veñen no dicionario da RAG, mais viven na charca artificial que se formou no monte, no lugar que chaman do Curro Vello. Hai anos, a zona estaba degradada, mais a Comunidade de Montes decidiu rehabilitala e hoxe conta con árbores diversas que foron chantando os cativos do colexio. Nesa zona cobizada por cabalos e vacas polo frescor do poexo que nace á beira da auga, habitan os limpafontes.

O dicionario chámalles tritóns, e por ese nome estou certa de que os recoñecedes, mais eu prefiro o anormativo limpafontes, sonoro e elocuente, que fai referencia ao feito de vivir estes pequenos anfibios en zonas extremadamente limpas (agora lembrade que onde hoxe viven antes era unha zona degradada).

Mentres oía a radio tamén pensei nas ras. Nas discretas ras que raramente se escoitan, agás en lugares especialmente calmos. Como Ferreira de Pantón, onde unha noite asistimos a un concerto imprevisto e marabilloso.

Mais debo dicir que non preciso ir tan lonxe. Nin me afastar moito do mundanal ruído. Que nos lavadoiros e nas presas polas que paso camiñando, ás veces cólloas distraídas tomando o sol na superficie da auga. Que unha mañá, nun lugar tan pouco idílico como o que separa un supermercado dun concesionario, unha ra enorme elevaba o seu craiar.

Convídovos a coller o hábito de nos deter no pequeno e común, contemplándoo con ollos de mirar o extraordinario. Estou certa de que vos reconfortará volver ver a natureza e comprobar que é quen de resistir tantas agresións como lle ocasionamos reincidentes.

E alentar, porque este mundo que admiramos foi creado polas palabras coas que o nomeamos, nesta lingua nosa que é tamén anfibia. E aínda que se me revolven as entrañas cando sinto que a sepultan co silencio, que a deturpan sen rubor, que nos impiden vivir nela, digo que ela é a limpa fonte á que, tamén eses, poderán volver.

Comentarios